Skip to content Skip to footer

A Cátedra Emalcsa-UDC divirte aos visitantes con experimentos sobre a xeneración de enerxía a partir da auga nun Día da Ciencia na Rúa que bateu o récord de participantes

O Parque de Santa Margarita acolleu o sábado 4 de maio unha nova edición, a XVIII, do Día da Ciencia na Rúa, unha feira de divulgación científica que ten como obxectivo achegar a ciencia ao cidadán de a pé. A chuvia acompañou durante toda a xornada pero as inclemencias meteorolóxicas non impediron que o publico ateigase o parque coruñés para gozar dos diferentes experimentos que presentaron 54 centros educativos da provincia da Coruña, Lugo e Pontevedra; e 8 centros relacionados coa ciencia.

A Cátedra Emalcsa-UDC participou nesta feira que organizan os Museos Científicos Coruñeses, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Emalcsa, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.. Fíxoo con tenda propia baixo o nome de Coawa, a comunidade da auga, proxecto da Cátedra Emalcsa-UDC que ten como obxectivo achegar á sociedade a importancia do mundo da auga dende unha visión integrada co medio ambiente e as persoas.

Alí os visitantes puideron coñecer diferentes usos da auga como fonte de enerxía. A idea era amosar como as enerxías potencial e cinética se poden transformar en outras como hidráulica ou mecánica. E para demostralo recorreuse a distintos experimentos que chamaron moito a atención, sobre todo a dos máis cativos. Foi o caso da noria hidráulica, un enxeñoso dispositivo que aproveita a enerxía cinética da auga para mover unha estrutura xiratoria con paletas que serve para, por exemplo, bombear auga ou moer grans en muiños para producir fariña.

Pero iso non foi todo. Tamén se explicou aos que pasaron pola tenda da Cátedra o crucial papel que a auga xoga no proceso de xeración de enerxía nunha planta nuclear ou como a enerxía hidráulica aproveita a enerxía cinética da auga en movemento para producir enerxía utilizable. Para o exemplificar amosouse un sistema hidroeléctrico no que unha turbina hidráulica capturaba a enerxía cinética da auga en movemento para convertela en enerxía mecánica rotativa. É o sistema que se utiliza nalgúns encoros para xerar electricidade.

Outro dos experimentos que espertou moita expectación foi o que se centrou en explicar a electrólise da auga, proceso químico no que unha corrente eléctrica pasa a través da auga, o que provoca que se descompoña en oxíxeno no ánodo e en hidróxeno no cátodo. Este proceso emprégase para producir hidróxeno como combustible en pilas para xerar electricidade de xeito limpo e eficiente coa auga como único subproduto. Os asistentes puiderono comprobar a través do movemento dun pequeno coche con aspecto futurista.

Emalcsa aproveitou a xornada para promocionar o consumo de auga da billa e, deste xeito, a redución do consumo de botellas de plástico. Por este motivo conectou á traída catro fontes na contorna da Casa das Ciencias para que los participantes na feria puidesen reencher as súas botellas cando o precisasen.

No XVIII Día da Ciencia na Rúa xuntáronse 54 centros educativos da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Arzúa, Ribadeo, Miño, Ortigueira, As Pontes, Baio, Ribeira e Poio; e oito centros relacionados coa ciencia: o Centro de Investigación en TIC (CITIC); a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidad da Coruña; o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA); a Facultade de Ciencias da UDC; o Centro Oceanográfico da Coruña; o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC); a Facultade de Física da Universidade de Santiago e a Fundación IMQ San Rafael. Esto supón un récord de participantes nesta tradicional feira de divulgación científica.

Entre os curiosos experimentos científicos que amosaron aos visitantes atópase a extracción do ADN dun plátano, a recreación dunha casa domotizada, a construción da ponte autoportante de Leonardo da Vinci, un hotel de insectos ou un código Morse con Arduino.

O Día da Ciencia na Rúa tamén ofreceu monólogos científicos e diferentes actividades relacionados coa música e os xogos. Ademais, como xa é tradicional, a entrada aos tres Museos Científicos Coruñeses (Domus, Casa das Ciencias e Aquarium Finisterrae) foi de balde.

Rematada esta feira de divulgación científica, a Cátedra Emalcsa-UDC xa se prepara para participar na vindeira: a Cullerciencia, que se celebrará o 9 de xuño.