Skip to content Skip to footer

A Cátedra Emalcsa-UDC reúne nun seminario técnico aos principais operadores de auga urbana galegos para analizar a nova normativa sobre os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo humano e a súa aplicación en Galicia

A Cátedra Emalcsa-UDc celebrou este luns 27 de febreiro na Casa da Auga un novo seminario técnico. Desta volta o obxectivo foi analizar o impacto que terá en Galicia o novo Real Decreto 3/2023 aprobado o 10 de xaneiro que actualiza os criterios técnico-sanitarios que rexen a calidade da auga para consumo humano. Para facelo reuniu aos principais xestores de auga urbana que operan en Galicia: AqualiaViaquaEspina e DelfínGestagua e Emafesa, que aportaron a súa visión sobre os posibles problemas e oportunidades derivados da implantación deste nova lexislación, tanto dende o punto de vista técnico e loxístico, como dende o económico.

Os novos criterios técnico-sanitarios deste Real Decreto 3/2023 (que deroga os RD 140/2003, 314/2016 e 902/2018, e actualiza o RD 487/2022 referido á Lexionela) céntranse, principalmente, en protexer a saúde de persoas e animais, e poñen o foco en controlar a calidade e o acceso das augas que chegan á poboación a través das billas. Ao mesmo tempo tamén se elaboraron para cumprir cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, especialmente co 6: auga limpa e saneamento.

Entre os temas que se analizaron no seminario, tanto durante a exposición das diferentes empresas participantes, como no posterior debate que moderou Teresa Silvosa, responsable do Laboratorio de Calidade de Emalcsa, figuraron os diferentes aspectos nos que fai fincapé a nova normativa como a cantidade de auga recomendada que debería utilizar unha persoa ao día, o seguimento da auga de consumo, o fomento do consumo da auga da billa na hostalaría e a restauración, as características das substancias empregadas para potabilizar a auga, os requisitos para avaliar o plan de xestión de riscos ou a regulación do Plan Sanitario da Auga.

Outra das cuestións que se abordaron foi a ‘Listaxe de Observación’ que inclúe a nova lexislación e que fai referencia aos novos parámetros microbiolóxicos que se deben analizar para controlar a calidade da auga, entre os que se atopan diferentes contaminantes, compostos, microorganismos ou calquera substancia nociva que se considere perigosa para a saúde das persoas. Entre eles tamén figuran os Colifagos somáticos (virus con capacidade para infectar células de E.coli), que terán que se controlar sempre en tres puntos de mostraxe: a) saída da estación de tratamento de auga potable ou do depósito de auga de cabeceira; b) saída do depósito de regulación ou de distribución; e c) rede de distribución. Esta ‘Listaxe de Observación’ actualizarase periodicamente polo Ministerio de Sanidade, é unha das principais novidades do novo Real Decreto 3/2023.

Os participantes no seminario, finalmente, tamén aportaron a súa visión sobre a obrigatoriedade que os laboratorios que xestionen máis de 5.000 mostras de auga de consumo ao ano terán de acreditar os seus métodos segundo a ISO17025 antes do día 2 de xaneiro de 2024. Esta acreditación extenderase até o 2 de xaneiro de 2028 naqueles laboratorios que xestionen entre 300 e 5.000 mostras anuais, como é o caso de Emalcsa.

O seminario serviu para poñer enriba da mesa a complexidade de implementar as medidas do novo decreto, a falta de concreción sobre os custos derivados e, sobre todo, a necesidade de interpretar e adaptar algunha das medidas ao contexto galego. Neste sentido constituíuse un comité técnico que, coordinado pola Cátedra Emalcsa-UDC, elaborará un documento de necesidades que poda compartirse coas administracións competentes co obxectivo de minimizar os efectos negativos da aplicación e axilizar ao máximo a súa implementación, principalmente no que respecta á mellora da seguridade que o Real Decreto impón no que respecta a criterios de control sanitario.

O evento, que foi presentado polo director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez, e o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, foi clausurado por Pilar Arias e Mónica Velo, de Augas de Galicia.