Skip to content Skip to footer

Investigadores da UDC e a Cátedra Emalcsa-UDC participan nun estudo internacional sobre a presenza de residuos plásticos en lagos e encoros publicado pola revista ‘Nature’ en portada

Cinco investigadores da Universidade da Coruña e a Cátedra Emalcsa-UDC participaron nun estudo internacional sobre a presenza, orixe e impacto dos residuos plásticos nas augas superficiais de lagos e encoros situados en diferentes puntos do planeta. As aportacións deste estudo son tan relevantes que a investigación ocupou a portada da prestixiosa revista Nature do mércores 12 de xullo co titular Plastic debris in lakes and reservoirs, ademáis de ser o tema do seu editorial.

O estudo foi coordinado polas investigadoras italianas Verónica Nava e Barbara Leoni (Universidade Milán-Bicocca, Italia). Nel participaron os investigadores da UDC José Luis Cereijo e Jordi Delgado, membros do Grupo GEAMA; Roberto Bao e Rafael Carballeira, do Grupo GRICA; e Moisés Canle, membro do Grupo REACT! e director da Cátedra Emalcsa-UDC. A estos hai que sumar un amplo grupo de investigadores vencellados á Rede Global de Observatorios Ecolóxicos de Lagos (GLEON), da que forma parte o encoro de Cecebre dende 2017 (único da Península) por iniciativa da Cátedra Emalcsa-UDC.

A investigación desenvolveuse de xeito coordinado no tempo en 38 lagos e encoros distribuídos por 23 países, 6 continentes e cunha ampla diversidade de condicións ambientais. Entre as masas de auga estudadas hai tres situadas en Galicia: o encoro de Cecebre, o lago de Meirama e a lagoa litoral de Doniños. As mostras nas que se basa o estudo foron tomadas empregando, por primeira vez, procedementos estandarizados para a súa recollida e posterior caracterización no Laboratorio de Ecoloxía de Augas Doces da Universidade de Milano-Bicocca (Italia).

Ainda que os resultados do estudo non son preocupantes a día de hoxe, a xeneralizada presenza de plásticos, incluso en sistemas considerados prístinos, anticipa a necesidade de redoblar os esforzos no que respecta á prevención, control e vixilancia, co fin de garantir unha óptima preservación das masas de auga tanto no presente como para as vindeiras xeracións. Neste sentido, tal e como acontece con outras formas de contaminación, a presenza de plásticos dun sistema acuático podería dar lugar a efectos adversos para a calidade da auga que compremetesen a viabilidade do seu uso como recurso e dañasen os ecosistemas acuáticos.

As masas de auga estudadas en Galicia (o encoro de Cecebre, a lagoa litoral de Doniños e a lagoa de Meirama) alinéanse co observado nas tendencias globais. A masa de auga máis extensa e profunda, Meirama, atópase no primeiro terzo de lagoas e encoros coa meirande concentración de partículas plásticas, fundamentalmente fragmentos transparente e brancos de polipropileno e polietileno. Entre as masas de auga menos extensas e profundas, tanto Cecebre como Doniños atópanse entre o 50% das que están en mellores condicións por presentar menos concentración de partículas plásticas (Doniños figura entre o terzo as menos contaminadas) e en ámbolos dous casas apreciáronse maioritariamente fibras negras ou azuis de poliéster.

A presenza de plásticos pode xerar efectos dañinos sobre os organismos acuáticos e o axeitado funcionamento dos ecosistemas. Ao marxe do evidente problema hixiénico e estético, o amoreamento de plásticos na superficie dos medios acuáticos altera a composición da auga e o intercambio de materia e enerxía coa atmósfera. Tamén, os plásticos interaccionan coa litosfera e a biosfera, afectando aos ciclos bioxeoquímicos ao alterar os intercambios enre compartimentos ambientais a través de mecanismos que ainda non comprendemos na súa totalidade e que precisarán unha abordaxe interdisciplinar deste tipo de ecosistemas.

«A mensaxe é que non hai ningún motivo de alarma nin é un desastre ambiental, porque as partículas que localizamos son inertes, teñen unha concentración baixísima e non supoñen un problema nin para os ecosistemas nin para a saúde humana. E en Galicia en particular a situación é moi boa. Pero o estudo tamén é unha chamada á reflexión porque tamén amosa que os fragmentos de plástico están xa por todas partes do planeta»

Moisés Canle, director da Cátedra Emalcsa-UDC e coautor do estudo

En contextos de seca e escasez de auga visualízase máis, se cabe, a necesidade de coidar todas as nosas masas de auga, implantando estratexias efectivas de redución da presenza de plásticos. Faise precisa unha axeitada xestión dos residuos que atendan ao coidado e prevención das nosas augas, co fin de optimizar a dispoñibilidade de auga de calidade cara ao futuro e en liña coas estratexias europeas de protección e xestión da auga.

«A mensaxe é que non hai ningún motivo de alarma nin é un desastre ambiental, porque as partículas que localizamos son inertes, teñen unha concentración baixísima e non supoñen un problema nin para os ecosistemas nin para a saúde humana. E en Galicia en particular a situación é moi boa. Pero o estudo tamén é unha chamada á reflexión porque tamén amosa que os fragmentos de plástico están xa por todas partes do planeta», destaca en La Voz de Galicia o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, do Grupo REACT! da UDC e un dos autores do estudo.

Até o momento diversos estudos tiñan posto en evidencia a problemática da existencia de residuos plásticos no medio natural centrándose, en especial, nas contornas oceánicas e costeiras. Porén, a información dispoñible no que respecta ao impacto e a dinámica da contaminación por plásticos en augas continentais é moi escasa. Por iso, o traballo publicado en Nature proporciona unha valiosa perspectiva a escala global do estado da cuestión, sentando as bases para estudos máis focalizados e detallados.

A relevancia do estudo chamou a atención de diferentes medios de comunicación en todo o mundo, entre eles, Televisión Española, Radio Nacional de España, A Vanguardia, A Voz de Galicia, A Opinión A Coruña, The Conversation, ABC News, ScitechDaily, Nevada Today, The Globe and Mail