Skip to content Skip to footer

Cástor Eduardo Maduro gaña a terceira edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC cunha proposta de solución para controlar e protexer as masas de auga

Cástor Eduardo Maduro Malpica é o gañador da terceira edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC. Estes galardóns recoñecen o mellor Traballo Fin de Máster de temática relacionada cos sistemas de auga urbana elaborados por estudantes ou graduados da Universidade da Coruña no curso académico 2021-22. Maduro Malpica conseguiu o premio grazas ao seu traballo Development and Field Testing of a Metal Membrane Passive Sampler for the Determination of Organic Contaminants in Surface and Wastewaters, no que, segundo a unánime resolución do xurado, desenvolve unha excelente análise dunha solución con potencial para realizar mostraxes pasivas de contaminantes orgánicos con vistas á protección das masas de auga de cara á súa dispoñibilidade para vindeiras xeracións.

O xurado, composto polo director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, en calidade de presidente; Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, como secretario; e os vogais Soledad Muniategui, catedrática de Química da UDC; e Ricardo Cao, catedrático de Estatística e Investigación Operativa da UDC, tamén outorgou un accésit a Carlos Leira Castro polo seu traballo Integración de sensores con distintas tecnologías de comunicación IoT para la maqueta Medusa. Desta volta os membros do xurado valoraron o rigoroso estudo que realizou para propoñer unha solución con capacidade para simular situacións que se podan dar na rede de distribución de Emalcsa e detectar potenciais problemas.

Tras analizar polo miúdo todos os traballos presentados e felicitar a todos os participantes e aos seus titores, especialmente aos gañadores, o xurado fai constar na súa acta de resolución desta terceira edición dos premios «a gran calidade dos traballos presentados, que reflicten a interdisciplinariedade que existe nos eido dos sistemas de auga urbana e que poñen de manifesto a enorme amplitude que presenta o campo dende o punto de vista da investigación e o desenvolvemento». Tamén destaca na acta «a rigorosidade do traballo desenvolvido polos diversos autores baixo a supervisión dos seus titores, aportando traballos cunha grande calidade técnica e metodolóxica, así como orixinalidade na aproximación aos problemas». Por último, o xurado reflicte na acta «a importancia deste tipo de traballos académicos para achegar o entorno académico á sociedade e, máis en concreto, o coñecemento e a importancia dos diferentes eidos relacionados coa xestión da auga no contexto do área metropolitana e para a vida das persoas en xeral».

O acto de entrega dos premios terá lugar o 26 de xullo na Sala de Prensa do Paraninfo da Universidade da Coruña.