Skip to content Skip to footer

Os traballos para controlar a poboación de cangrexo americano en Cecebre nos que participa a Cátedra Emalcsa-UDC avanzan coa captura de 1.000 exemplares desta especie invasora

Os traballos para controlar a poboación de cangrexo americano no encoro de Cecebre que están a desenvolver investigadores da Universidade da Coruña dende hai algúns meses no marco dun convenio de colaboración entre a Cátedra Emalcsa-UDC, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Cátedra Hijos de Rivera-UDC comeza a dar resultados. Así, o 13 de xuño dábase a coñecer que, dende o inicio destes traballos, xa se retiraron uns 1.000 exemplares deste tipo de cangrexo, unha das especies invasoras máis nocivas para o encoro de Cecebre. O dato facíase público durante a visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ao observatorio de aves de Crendes. A conselleira percorreu a zona acompañada por Belén Docampo, directora xeral de Patrimonio Natural; José Antonio Santiso, César Longo e Jorge Blanco, presidente, vicepresidente e xerente, respectivamente, da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Carlos Vales, director do Ceida; e unha representación dos investigadores que desenvolven os traballos.

A captura dos cangrexos americanos lévase a cabo mediante o emprego de nasas con cebo ubicadas naqueles puntos de encoro onde se detectou unha maior densidade de poboación desta especie invasora. As nasas colócanse a última hora da tarde e recóllense unhas 17 horas despois. As capturas, segundo os investigadores, increméntanse coa chegada do bo tempo, xa que o cangrexo americano permanece soterrado nos meses fríos e sae á superficie co aumento da temperatura da auga. Como proba sinalaron que el día antes da visita capturaron 115 cangrexos fronte aos pouco máis de 20 que recolleran unha semana atrás.

«Esquilman a vexetación de ribeira e destrúen os ovos de macroinvertebrados acuáticos e anfibios», sinalou o xerente da Reserva, Jorge Blanco, en referencia ao cangrexo americano, unha das especies invasoras que máis dano está a causar no encoro de Cecebre. Estes animais constrúen galerías subterráneas que provocan desprendementos de terra no encoro e deterioran a vexetación de ribeira, fundamental para protexer a calidade da auga. Ademais, o cangrexo é moi perxudicial para a biodiversidade da zona. De feito a poboación de anfibios e cabaliños do demo reduciuse considerablemente nos últimos tempos xa que o cangrexo se alimenta dos seus ovos.

As lontras que habitan no encoro comen cangrexo americano pero esta circunstancia non abonda para reducir a poboación desta especie invasora. Por iso, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, a Cátedra Emalcsa-UDC e a Cátedra Hijos de Rivera puxeron en marcha en 2022 este proxecto para controlar a poboación de cangrexo.

Os investigadores que participan nos traballos de control desta especie invasora tamén están a realizar outros estudos, que pretenden pescudar se estes cangrexos teñen patóxenos e se están a bioacumular contaminantes emerxentes, situacións que precisarían estudos e medidas adicionais.