Skip to content Skip to footer

A Cátedra Emalcsa-UDC amosará os usos da auga para producir enerxía no XXVIII Día da Ciencia na Rúa que se celebra o sábado 4 de maio no Parque de Santa Margarida

Este sábado 4 de maio o Parque de Santa Margarida converterase un ano máis nunha especie de laboratorio xigante no que diferentes centros escolares, a maioría deles da provincia da Coruña, e entidades relacionadas coa ciencia, amosarán ao público asistente interesantes experimentos científicos. Porque ese día celébrase unha nova edición do Día da Ciencia na Rúa, unha xa tradicional feira científica que chega á súa XXVIII edición e que organizan os Museos Científicos Coruñeses, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Emalcsa, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Neste evento, cuxo obxectivo é achegar a ciencia á cidadanía, estará de novo a Cátedra Emalcsa-UDC, que contará cunha tenda propia (número 9) situada a carón das escaleiras de acceso á Casa das Ciencias entrando pola rúa Padre Sarmiento. Este 2024 a Cátedra amosará aos visitantes diferentes experimentos para explicar de xeito lúdico os usos da auga para producir enerxía.

Aqueles que se acheguen á tenda da Cátedra poderán presenciar, por exemplo, como as enerxías potencial e cinética se transforman noutras como a hidráulica, a mecánica…; así como o xeito no que se obtén hidróxeno a partir da electrólise da auga para ser empregado como combustible.

Os visitantes que pasen pola tenda tamén poderán coñecer o programa Coawa, co que a Cátedra proponse achegar á sociedade a importancia do mundo da auga dende unha visión integrada co medio ambiente e as persoas.

Así mesmo, como en edicións anteriores do Día da Ciencia na Rúa, e co obxecto de promocionar o consumo de auga da billa e a redución do uso de botellas de plástico, Emalcsa instalará fontes conectadas á redes de abastecemento na contorna da Casa das Ciencias para que os participantes na feira científica podan reencher botellas reutilizables sempre que o precisen.

Ademáis da da Cátedra Emalcsa-UDC, no XXVIII Día da Ciencia na Rúa haberá 61 tendas máis. 48 delas estarán ocupadas por centros educativos da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Arzúa, Ribadeo, Miño, Ortigueira, As Pontes, Baio, Ribeira e Poio. Entre os experimentos que presentarán figura un hotel de insectos, experiencias sobre hidróxeno verde, gafas de realidade virtual para ver o interior do corpo humano ou un túnel do vento.

As outras 12 tendas pertencen á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos; ao Servizo Municipal de Educación da Coruña; o Centro de Investigación en TIC (CITIC); a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña; o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA); a Falcultade de Ciencias da UDC; o Centro Oceanográfico da Coruña; o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC); a Facultade de Física da Universidade de Santiago; a Fundación IMQ San Rafael; a Coruña British International School; e a Cruz Vermella.

Durante o Día da Ciencia na Rúa, que terá lugar entre as 11 e as 19 horas, tamén se celebrarán diferentes actividades como monólogos científicos ou un concerto da banda municipal. Ademais, para conmemorar o gran día da ciencia na Coruña, a entrada aos tres Museos Científicos (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae) da cidade será de balde.