Skip to content Skip to footer

Unha xornada promovida pola Cátedra Emalcsa-UDC analiza os beneficios que aportan os humidais construídos para a depuración de augas residuais a pequena escala

O Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña acolleu o mércores 12 de xullo unha xornada técnica na que diferentes expertos expuxeron os beneficios que aportan os humidais construídos para a depuración de augas residuais a pequena escala. A spin off da Universidade da Coruña, Sedaqua; e o grupo de investigación da UDC, React!, foron es organizadores deste evento que promoveu a Cátedra Emalcsa-UDC.

Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñería Química da Universidade da Coruña e membro de React!; e Moisés Canle, director da Cátedra Emalcsa-UDC, e tamén compoñente deste grupo de investigación, foron os encargados de presentar a xornada ‘Humidais construídos para a depuración de augas residuais’, que puido seguirse tanto in situ como online. Manuel Soto expuxo brevemente os proxectos que se están a desenvolver na UDC no ámbito do tema que se abordou na xornada, como a planta piloto da Zapateira, mentres que Moisés Canle encadrou a xornada no marco de dúas das líneas de traballo da Cátedra Emalcsa-UDC, o Plan AdO (Auga dende a Orixe) e o Plan Ecad (Excelencia na Calidade da Auga Distribuída).

Marta Sánchez, técnica do grupo de investigación React! abriu a xornada cunha intervención na que defendeu o paso dos sistemas de depuración centralizados a sistemas descentralizados, nos que se encadran os humidais construídos. A investigadora explicou que estes humidais están compostos por unha balsa pouco profunda impermeabilizante, un recheo cun medio filtrante e unha zona con especies autóctonas como, por exemplo, o carrizo. Sánchez subliñou tamén a eficacia no tratamento de augas destes humidais o os seus beneficios polas posibilidades que ofrecen no que respecta á reutilización das augas para, por exemplo, o regadío, as fontes ornamentais o para augas de servizo como encher as cisternas dos nosos domicilios. A investigadora rematou o seu relatorio con varios exemplos de humidais construídos en pequenas vivendas.

Tras Marta Sánchez chegou o turno de Sandro Xavier de Campos, profesor da Universidade Estadual de Ponta Grossa, no Paraná, en Brasil. O seu relatorio tivo como eixo central o postratamento de efluentes de dixestores anaeróbicos por sistemas de filtración co obxectivo de reutilizar augas residuais. De Campos comezou subliñando a busca de sistemas alternativos de depuración de augas que iniciou Brasil hai algúns anos para rebaixar os custos enerxéticos derivados dos sistemas de depuración tradicionais. Posteriormente centrouse en explicar os sistemas de doble e triple filtración postos en práctica en distintos proxectos e os seus exitosos resultados, tanto dende o punto de vista medioambiental como dende o relacionado coa reutilización das augas.

Tamén de postratamento versou a intervención do director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, ainda que no seu caso, mediante procesos de oxidación avanzada como complemento ás solucións baseadas na natureza. Canle iniciou a súa intervención lembrando a importancia que ten a depuración das augas para a saúde pública e que, a día de hoxe, ainda hai moitos países que carecen de sistemas axeitados de tratamento de augas.

O director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, explicou aos asistentes en que consiste o método ASDIS de depuración de augas que vén de patentar o grupo de investigación React! da UDC ao que pertence. Trátase dun potente fotocatalizador composto por arcilla e dióxido de titanio que desinfecta e descontamina a auga en menos de quince minutos

Tras este apuntamento o director da Cátedra Emalcsa-UDC explicou aos asistentes o método ASDIS de depuración de augas que vén de patentar o grupo de investigación da Universidade da Coruña, React! Trátase dun potente fotocatalizador composto por arcilla e dióxido de titanio que desinfecta e descontamina a auga en menos de quince minutos. Este método non é apto, polo momento, para usar en estacións depuradoras de augas residuais das grandes cidades polo gran volume de auga que tratan, pero si para núcleos poboacionais pequenos. Para rematar o seu relatorio, Moisés Canle sinalou que este sistema xa se aplicou con éxito nun humedal construído.

José Anta, investigador do grupo Geama da UDC, foi o seguinte relator. A súa intervención abordou os sistemas de drenaxe urbanos sostibles (Suds). Anta analizou estes sistemas que forman parte do Marco Dusa (Desenvolvemento Urbano Sensible ao Auga), documento que serve de guía para as actuacións e liñas de investigación da Cátedra Emalcsa-UDC. O investigador do Geama expuxo diferentes técnicas Suds como cubertas dixitais, alxibes, pavimentos permeables, cunetas vexetadas… e rematou subliñando o éxito da Infraestrutura Campus Suds formada por 9 campos piloto ubicados nos campus de Elviña e A Zapateira.

O último relatorio correu a cargo de María Alonso Gato, técnica de Sedaqua, que describiu aos asistentes as técnicas de depuración de augas que emprega a súa empresa, así como os servizos que ofrece aos seus clientes.

A xornada rematou coa visita dos relatores, organizadores e asistentes á planta depuradora por humidais construídos Cullergondo, do Concello de Abegondo. Alí, o enxeñeiro agrónomo Carlos Ameixenda, explicou o funcionamento da planta aos visitantes.