Skip to content Skip to footer

Unha mesa promovida pola Cátedra Emalcsa-UDC en colaboración co proxecto MonriverR analizará no I Foro Mar de Mares a recuperación de ríos urbanos

O venres 22 de setembro, a partir das 9.30 horas, na sede de Abanca, situada no Cantón Grande, 8, celebrarase o I Foro Mar de Mares, un evento enmarcado no Festival Mar de Mares que terá lugar na Coruña do 21 ao 24 de setembro.

O foro estará formado por tres mesas redondas, unha das cales abordará a recuperación de ríos urbanos. Baixo o título Ríos urbanos, recuperando as ribeiras para as cidades, nesta mesa, que comezará ás 12.30 horas, exporase a situación actual dos ríos situados en contornos urbanos e daranse a coñecer algunhas experiencias de recuperación fluvial a nivel nacional.

A mesa está promovida pola Cátedra Emalcsa-UDC en colaboración co proxecto Monelos River Revival (MonRiver), unha iniciativa nacida en 2017 e apoiada pola Cátedra que ten como obxectivo a recuperación da conca do río de Monelos, soterrado no seu percorrido urbano.

Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, abrirá o evento contextualizando o tema da mesa no marco do Festival Mar de Mares. Deseguido, Jerónimo Puertas (catedrático da Universidade da Coruña no departamento de Enxeñería Civil e membro do Grupo de Investigación Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente) presentará aos relatores e exercerá de moderador.

Os expertos que participarán e os seus relatorios serán os seguintes:

  • Renaturalización de tramos urbanos de ríos. Fundación Biodiversidade. Cinta Luengo (xefa do Área de Cidades e responsable de Renaturalización Fluvial) da Fundación Biodiversidade pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
  • Retos nas contornas urbanas con relación á planificación Hidrolóxica. Laura Fernández (técnica de apoio do Servizo de Planificación de Augas de Galicia).
  • Recuperación ambiental e paisaxística do tramo soterrado do río Gafos en Pontevedra. Manuel Fontán (técnico de Parques e Xardíns do Concello de Pontevedra).
  • O Proyecto Monelos River Revival. Restauración fluvial e cultural dun río urbanizado. Amal Nnechachi (coordinadora do proxecto MonRiveR. Laboratorio de Enxeñería Cartográfica, Cartolab. Universidade da Coruña).

Trala intervención dos relatores haberá unha mesa redonda e abrirase unha quenda de preguntas para que tamén podan participar os asistentes.

Os interesados en asistir á mesa teñen que reservar a súa entrada aquí.

Antes da mesa sobre ríos urbanos terán lugar outras dúas: Economía Azul: o Mar é o emprego (10.00 horas) e ¿Un mar para todos? Os usos do mar trala aprobación dos POEMs (11.30 horas).