Skip to content Skip to footer

O AquaPlann, primeiro proxecto do área de I+D+i de Emalcsa, cuxo obxectivo era asegurar o bo estado ecolóxico das augas do encoro de Cecebre, cumpre dez anos

A innovación forma parte do ADN de Emalcsa. De feito a Empresa Municipal de Augas da Coruña leva dando pulo a iniciativas innovadoras prácticamente dende a súa fundación, alá polo ano 1908, cando aínda se denominaba Aguas de La Coruña S. A. Valga como exemplo a instalación de filtros lentos na primitiva planta de Cañás (Carral) en 1915, o que supuxo entón un importante avance no abastecemento de auga á poboación da Coruña e un relevante feito histórico. De feito, A Coruña era a segunda cidade de España na que se utilizaban estes filtros. A ETAP de Cañás, por certo, segue operativa. Só abastece a Carral, pero é a estación de tratamento de auga potable máis antiga de España en funcionamento e un enclave fundamental do patrimonio de Emalcsa, sempre pendente do seu mantemento e conservación.

En 2013, porén, a dirección da empresa decidiu potenciar os recursos destinados á innovación da compañía e puxo en marcha a área de I+D+i, hoxe integrada na Cátedra Emalcsa-UDC. Dende entón desenvolvéronse 29 proxectos de diferente natureza de 45 plantexados. O primeiro deles foi o AquaPlann Project, iniciado en 2010 e rematado en 2013, ano no que naceu o departamento de innovación de Emalcsa. Este 2023 que está a piques de finalizar cúmprense, polo tanto, dez anos da conclusión daquel proxecto.

O AquaPlann Project contou coa financiación da Comisión Europea a través do programa LIFE+. O seu orzamento foi de de 987.564 euros, 98.756,40 dos cales aportounos Emalcsa. O obxectivo desta iniciativa, na que tamén participaron o Concello de Abegondo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras-Augas de Galicia e a Consellería de Medio Rural e do Mar, era asegurar o bo estado ecolóxico das augas do encoro de Cecebre e da conca hidrográfica dos ríos Mero e Barcés. Así mesmo tamén perseguía fomentar boas prácticas no uso da auga por parte dos habitantes do territorio. Deste xeito se conseguiría situar a zona de actuación na vangarda europea no que respecta á aplicación da Directiva Marco da Auga.

Traballos desenvolvidos por Emalcsa

As competencias de Emalcsa neste proxecto foron analizar o risco de contaminación da conca e o deseño dun plan de continxencia; elaborar un estudo da calidade das augas e do grao de eutrofización do encoro (cando as augas quedan sen oxíxeno e rexistran un alto número de nutrintes); desenvolver campañas de sensibilización na área da Coruña; e, por último, organizar xornadas sobre a auga, que tiveron lugar na Casa da Auga o 28 e 29 de outubro de 2010, e o 3 e 4 de novembro de 2011.

O AquaPlann recibiu en 2012 o Premio Medio Ambiente que concede a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (APROEMA). Ademais, tamén en 2012, acadou un accésit no Premio á Sostibilidade de Pequenos e Medianos Municipios que concede cada ano o Congreso Nacional de Medio Ambiente. O AquaPlann rematou en segunda posición, entre 31 proxectos presentados.