Skip to content Skip to footer

A Cátedra Emalcsa-UDC, elixida para expoñer o seu proxecto na Xornada de Cátedras e Aulas Institucionais da UDC como caso de especial interese no modelo de cátedras empresa da UDC

A Cátedra Emalcsa-UDC foi unha das cinco cátedras empresa da Universidade da Coruña seleccionadas, entre as 27 nas que participa a universidade herculina, para expoñer máis polo miúdo a súa experiencia e xeito de traballar na Xornada de Cátedras e Aulas Institucionais da UDC que tivo lugar este venres 26 de abril no Reitorado da Universidade da Coruña.

A Cátedra Emalcsa-UDC foi seleccionada, xunto á Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible, a Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética, a Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT&Business, e a Cátedra Ghenova-UDC de Industria 4.0, como un caso de especial interese entre as cátedras de empresa da universidade coruñesa. Por este motivo, dispuxo, xunto a estas catro cátedras, dun pouco máis de tempo que as demais cátedras da UDC para expoñer o seu proxecto.

De facelo encargáronse o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Sergio Roiloa, e o director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez. Na súa intervención subliñaron que o obxectivo estratéxico da Cátedra é «impulsar a investigación e a transferencia no ámbito da auga urbana para o desenvolvemento dunha estratexia de xestión sostible da auga». Así mesmo dedicaron uns momentos a explicar o marco estratéxico DUSA (Desenvolvemento Urbano Sensible á Auga) da Cátedra «que busca harmonizar a relación entre o medio urbano consumidor e a contorna natural que subministra o recurso» e que se organiza en tres liñas prioritarias que buscan a protección do recurso auga, a mellora da súa subministración e a dixitalización.

Sergio Roiloa e Ricardo Vázquez tamén se referiron ás tres liñas principais de investigación da Cátedra Emalcsa-UDC: o Plan AdO (Auga dende Orixe), o Plan ECAD (Excelencia na Calidade da Auga), e o Aqualab (Mellora Dixital do Sistema Urbano de Augas). Do mesmo xeito, tamén explicaron aos asistentes o programa Coawa da Cátedra, cuxo obxectivo é achegar á sociedade a importancia do mundo da auga dende unha visión integrada co medio ambiente e as persoas.

No encontro, no que estiveron representadas as 27 cátedras empresa e unha aula institucional da UDC, ademáis de analizar o traballo desenvolvido por estas, plantexáronse oportunidades e sinerxias a explorar no eido da docencia e a investigación. Neste sentido explicáronse os novos formatos de aportación de talento desde a universidade á empresa, como son os doutoramentos industriais, onde os estudantes de doutoramento poden integrarse nas organizacións ou noutras institucións durante un mínimo de 18 meses e participar nun proxecto de investigación industrial. Do mesmo xeito presentáronse as microcredenciais como novos formatos de formación permanente, que pretenden fomentar a empregabilidade e mellorar a adaptabilidade aos rápidos cambios sociais aos que estamos sometidos. Este novo formato formativo xa se está a desenvolver na UDC como proxecto piloto dentro do marco da Cátedra da Fundación INADE.

A xornada estivo presidida polo reitor da UDC, Ricardo Cao, que pechou o acto resaltando a importancia das cátedras e aulas institucionais «polo seu papel dinamizador na transferencia de coñecemento, na investigación aplicada nos diferentes sectores produtivos á vez que favorecen a interrelación dos distintos axentes sociais e propician a cooperación entre as distintas áreas de coñecemento e a formación de equipos». Acompañárono o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, e ex director da Cátedra Emalcsa, Moisés Canle, que calificou as cátedras de empresa como «un activo valiosísimo da UDC»; o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas; e a vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares.

Tamén participou no peche da xornada o presidente do Consello Social de la UDC, Antonio Abril, para sinalar, entre outras cousas a necesidade «dunha maior colaboración entre universidade e empresas».