Skip to content Skip to footer

Un proxecto para detectar microplásticos no medio realizado polo Grupo de Química Analítica da UDC que dirixe Soledad Muniategui, e no que colaborou a Cátedra Emalcsa-UDC, gaña o Premio de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo da RAGC

A Real Academia Galega das Ciencias fallou os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo do ano 2023, uns galardóns que teñen como obxectivo «promover e recoñecer a investigación de maior nivel desenvolta en Galicia nas áreas de coñecemento das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais —todas elas integradas na Academia—».

O premio desta edición foi para o Grupo de Química Analítica Aplicada do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña que dirixe a colaboradora da Cátedra Emalcsa-UDC, Soledad Muniategui. O xurado outorgoulle o galardón para recoñecer o innovador proxecto que está a desenvolver este grupo de investigación para determinar a presenza de microplásticos no medio. Neste proxecto colaboraron tanto Emalcsa como a Cátedra Emalcsa-UDC. De feito parte desta investigación está a ter lugar no encoro de Cecebre.

«Este traballo é o resultado dunha liña mantida ao longo de máis de 10 anos, en colaboración con destacados grupos europeos, que trata de resolver problemas científicos que permitan ás autoridades abordar e mitigar un problema ambiental global como é o dos microplásticos. Curiosamente, algo cuxa presencia é bastante obvia, xera enormes dificultades á hora da súa identificación e caracterización científico-técnica, o cal pon en serios apuros moitos esforzos lexislativos, sociais e empresariais», sinalan os investigadores na web da Real Academia Galega de Ciencias. «Os esforzos lexislativos serán inútiles se por cuestións técnicas, como a falta de metodoloxía analítica validada ou non harmonizada, non se poden establecer plans de monitorización ambiental nacionais e supranacionais. Isto afecta tanto á identificación dos microplásticos como dos seus potenciais impactos no medio e na saúde humana», engaden os investigadores.

O Grupo de Química Analítica Aplicada do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña é, segundo apunta a RAGC na súa web, o único grupo español que, na actualidade, traballa con centros metrolóxicos europeos nun proxecto financiado pola Unión Europea para desenvolver patróns certificados de microplásticos que permitan validar métodos analíticos. Tras xerar a capacidade de identificar e caracterizar microplásticos, están a abordar investigacións centradas no xeito de determinalos na cadea trófica. Nesta liña desenvolveron novos métodos para determinalos en fitoplancto e zooplancto, algas de consumo humano e peixe (en particular en xarda e salmón). Tamén avanzan para detectar a súa presenza nun campo novo e relevante como é o aire.

Accésit para o Grupo VARPA da UDC

A Real Academia Galega das Ciencias concedeu ademais dous accésit. Un para o equipo dirixido por Marcos Ortega, do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, por un traballo sobre o desenvolvemento de novos paradigmas de aprendizaxe automática. O outro accésit foi para o equipo coordinado por María Jesús González, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago, por un traballo centrado no control do metabolismo da glicosa.

Nesta XXX edición presentáronse 44 propostas aos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo. O premio está dotado con 6000 euros. Entregarase nun acto que se vai celebrar o vindeiro 20 de marzo no Pazo de San Roque, en Santiago.