Skip to content Skip to footer

A Xunta de Galicia somete a participación pública o plan de conservación do humidal das Brañas situado en Sada, un enclave declarado Enil pola súa rica biodiversidade

A Xunta anunciou no Diario Oficial de Galicia do martes 2 de xaneiro que someterá a participación pública o documento base do plan de conservación do humidal das Brañas, ubicado en Sada e declarado provisionalmente Espazo Natural de Interese Local (ENIL) pola súa rica biodiversidade e o seu valor etnográfico. Esta declaración realizouse en 2020 e quedou condicionada á presentación, por parte do Concello de Sada, dun plan de conservación que agora se somete a participación pública para seguir avanzando na súa tramitación. As persoas interesadas dispoñen dun mes para consultar este documento deseñado polo Concello de Sada, en colaboración co Instituto de Biodiversidade Agraria (Ibader) e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) e presentar as suxerencias que consideren aquí.

As Brañas son humidais característicos de Galicia. Son fundamentais para a biodiversidade e a saúde dos ecosistemas circundantes. Por iso é de vital importancia protexelos, tal e como explica o profesor do departamento de Bioloxía da Universidade da Coruña, Manel Leira, nun artigo que escribiu en 2023 para a Cátedra Emalcsa-UDC co gallo do Día Mundial dos Humidais.

As Brañas de Sada ten unha superficie de 29,9 hectáreas e aglutina diferentes tipos de hábitats, como lagoas, bosques aluviales, herbais ou arroios que dan sustento e refuxio a numerosas especies, algunhas catalogadas como vulnerables ou en perigo de extinción. Os salgueiros, amieiros e freixos dominan o bosque aluvial, que acolle tamén bidueiros, carballos ou loureiros e diferentes especies trepadoras e lianas. Faunísticamente é de resaltar a variedade de anfibios (todos eles especies protexidas): rá verde, rá patilonga, píntega común, pintafontes común, entre outros. Entre os mamíferos destaca a lontra e entre as aves as vencelladas ao medio acuático: garza real, cerceta real, galiñola negra, somorgullo pequeno, bilurico alinegro, picapeixe, lavanco real e Galiña de río. Entre os moradores hai identificados, ademais, até quince mamíferos e sete especies de anfibios.

Ameazada polas especies invasoras e a acción humana

A riqueza ecolóxica das Brañas de Sada, porén, está ameazada polas especies invasoras, as verteduras ilegais e a presión urbana, tal e como veñen alertando colectivos como a Sociedade Galega da Historia Natural. Esta última presentou xa en 2011 ao Concello de Sada un informe ao respecto no que participou o biólogo e colaborador da Cátedra Emalcsa-UDC, Rafael Carballeira. Este investigador incluso localizou nas Brañas unha planta en perigo de extinción (Hydrocharis morsus-ranae) da que so existen dos poboacións en España.

No informe da SGHN, ademais de resaltar o valor ecolóxico deste humidal incluido no Inventario de Humidais de Galicia, subliñábase o importante labor de depuración das augas que desenvolve As Brañas que, polo tanto, representa un activo fundamental para non incrementar os contaminantes na praia e na ría de Sada. Así mesmo As Brañas exerce como reguladora no caso de enchentes, co que evita inundacións no casco urbano.

O plumacho, o choupo americano ou o lilar son algunhas das especies invasoras que ameazan As Brañas. Tamén poñen en perigo o humidal, como figura no plan de conservación, a creación de recheos, a existencia de aparcamentos na periferia ou a pérdida de conectividade ecolóxica entre o humidal e o medio mariño.

O plan de conservación ten como obxectivos a recuperación do humidal, estabelecer unha figura de protección para garantir unha xestión axeitada, contribuír a mellorar a biodiversidade, mitigar os efectos das especies exóticas detectadas, a protección da súa paisaxe, fomentar a conexión con outros espazos de valor ambiental da súa contorna e asegurar que o uso público do espazo se realice de maneira ordenada, ademais de promover, impulsar e colaborar no desenvolvemento de actividades científicas e de educación ambiental, así como poñer en valor os humidais.