Skip to content Skip to footer

O primeiro seminario da Cátedra Emalcsa-UDC do 2023 expón os traballos realizados por varias entidades na conca do Mero e no encoro de Cecebre e analiza as vindeiras liñas de actuación

A Cátedra Emalcsa-UDC, en colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, organizou o luns 30 de xaneiro o seu primeiro seminario do ano 2023. Foi un evento cuxo eixo central foi o tratamento do Plan de Seguimento Ambiental do encoro de Cecebre. Deste xeito reuníronse diferentes investigadores e grupos de investigación que teñen entre as súas liñas de actuación o coñecemento da contorna de Cecebre co obxectivo de atopar sinerxias, puntos de colaboración e xeitos de mellorar as accións que se desenvolven neste enclave de tanta importancia para Emalcsa polo seu fundamental papel no abastecemento de auga a A Coruña e a súa área metropolitana así como pola súa riqueza ecolóxica.

Ao seminario asistiron, entre outros, Patricia Montes e Roberto Arias, de Augas de Galicia; Pablo Ramil e Javier Ferreiro, do Ibader; investigadores da Universidade da Coruña que colaboran coa Cátedra Emalcsa-UDC e coa Cátedra Hijos de Rivera, como María José Servia, Alejandro Martínez-Abraín, Roberto Bao y Soledad Muniategui; Carlos Vales, do Ceida; Juan Castro, do Ciam; ou Xosé Rodríguez, da Asociación Custodia do Territorio’A Brexa’. Tamén asistiu José Antonio Santiso, presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que agradeceu os traballos feitos e mostrou o seu total apoio aos que se desenvolvan nun futuro.

A parte máis relevante do seminario, que serviu para estrear a nova sede da Reserva en Mabegondo, centrouse na exposición, por parte de varios membros do Grupo Naturalista Hábitat, do labor de identificación, catalogación e cuantificación da flora e fauna que habita na contorna do encoro de Cecebre que elaborou con fondos do proxecto Life Fluvial habilitados por Emalcsa. Este proxecto, no que a empresa municipal de augas coruñesa participou como socio, desenvolveuse entre 2017 e 2022 co obxectivo de mellorar o estado de conservación dos corredores fluviais atlánticos da Rede Natura 2002. Unha das súas zonas de actuación foi o encoro de Cecebre, no que se recuperou o bosque de ribeira eliminando especies invasoras e substituíndoas por especies autóctonas.

O estudo de catalogación de especies animais e vexetais que habitan no encoro de Cecebre terá continuidade nos próximos meses co obxectivo de facer un seguimento das poboacións identificadas e poder estabelecer a súa evolución.

O Grupo Naturalista Hábitat, que colabora con Emalcsa dende hai varios anos, tamén presentou no seminario os estudos que os seus membros e colaboradores teñen feito sobre Cecebre dende a creación deste grupo, no 1979, e que conforman o meirande corpus de información ecolóxica sobre este espazo que forma parte da Rede Natura 2000.

O seminario serviu tamén para expoñer outros proxectos, ben da Cátedra Emalcsa, ben doutras entidades, que teñen o encoro de Cecebre e a súa contorna como obxecto de interese. Jordi Delgado, catedrático de Enxeñería do Terreo, membro do Grupo de Investigación de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña e un dos compoñentes do comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa, expuxo as actividades que a Cátedra está a desenvolver no marco da súa liña de investigación AdO (Auga de Orixe). Pola súa banda, Jorge Blanco, xerente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, explicou aos asistentes outros proxectos que están en marcha na conca do río Mero.

O seminario rematou cun debate moderado polo director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, para atopar sinerxías entre os asistentes cara ao futuro.

Entre as conclusión do evento está a da creación dun liderado compartido entre a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo e a Cátedra Emalcsa-UDC para coordinar as actuacións que se leven a cabo no futuro no encoro de Cecebre. A Reserva por ser a entidade máis ligada ao territorio no que se ubica o encoro e a Cátedra pola a súa achega dende o punto de vista científico. O obxectivo é que este entorno de colaboración sexa o xermolo dun Observatorio da Conca do río Mero orientado, a través do coñecemento e a boa xestión, a buscar a mellora do abastecemento de auga á poboación da Coruña a e a súa área metropolitana e a conservar e protexer a riqueza natural desta conca como salvagarda da calidade da súa auga e da vida da cidadanía.