Skip to content Skip to footer

Plan AdO (Auga dende a Orixe), Plan ECAD (Excelencia na Calidade da Auga Distribuída) e Aqualab (Mellora Dixital do Sistema Urbano de Augas), as principais liñas de investigación da Cátedra Emalcsa-UDC

A actividade da Cátedra Emalcsa-UDC no eido da investigación céntrase en tres aspectos prioritarios. O primeiro é protexer o recurso auga mediante unha análise continua da conca do río Mero e do encoro de Cecebre, enclaves fundamentais no abastecemento de auga a A Coruña e a súa área metropolitana. O segundo é mellorar este proceso de abastecemento a través de ferramentas que garantan a calidade do sistema de subministración de auga á poboación e fomenten a participación da sociedade no mesmo. O terceiro, por último, é aproveitar as novas tecnoloxías no eido das TIC, como a Intelixencia Artificial, e os datos que aportan para mellorar o sistema de abastecemento de auga.

Estes aspectos prioritarios na investigación da Cátedra Emalcsa-UDC concrétanse en tres liñas de investigación: o Plan AdO (Auga dende a Orixe), o Plan ECAD (Excelencia na Calidade da Auga Distribuída) e o Aqualab (Mellora Dixital do Sistema Urbano de Auga).

  1. Plan AdO (Auga dende a Orixe).

Comprende os traballos e iniciativas de investigación centrados na análise da conca do río Mero e na protección do recurso auga que logo se distribúe á Coruña e a súa área metropolitana. Está coordinado por Jordi Delgado, catedrático da Universidade da Coruña no departamento de Enxeñería Civil e membro do Grupo de Investigación Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama).

Os principais obxectivos do Plan AdO son:

  • Potenciar os sistemas de vixilancia da conca do río Mero con datos de alta frecuencia.
  • Controlar a calidade da auga en diferentes épocas do ano e os contaminantes emerxentes.
  • Estabelecer un modelo de predicción da calidade da auga baseado en ferramentas de teledetección.
  • Definir unha estratexia de xestión de incidencias.
  1. Plan ECAD (Excelencia na Calidade da Auga Distribuída).

Trátase dun plan que pretende dar resposta ás demandas, problemas e oportunidades recollidas por Emalcsa no que respecta ao subministro de auga á poboación. Persegue, polo tanto, afondar na análise do sistema de distribución da auga para mellorar a percepción que ten a cidadanía da calidade desta e do servizo de abastecemento. Está coordinado polo director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, catedrático de Química da Universidade da Coruña e membro do Grupo de Investigación Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!).

Os principais obxectivos do Plan ECAD son:

  • Fomentar o consumo de auga da billa e reducir a pegada de carbono con iniciativas que axuden a reducir o uso de botellas de plástico.
  • Mellorar a xestión de infraestruturas e obras mediante estratexias vinculadas á infraestrutura verde e á coordinación dos servizos municipais.
  • Mellorar a medición da auga consumida para implicar á cidadanía no consumo responsable da auga.
  • Incorporar novas tendencias no uso da auga relacionadas coa reutilización: augas grises, pluviais… atendendo ás diferentes calidades para os distintos usos.
  1. Aqualab (Mellora Dixital do Sistema Urbano de Augas).

O seu obxectivo é o desenvolvemento, en colaboración con empresas, de solucións para mellorar o Sistema Urbano de Auga centradas na dixitalización, a incorporación de tecnoloxías vinculadas ao Internet das Cousas, ao machine learning e á intelixencia artificial. José Luis Calvo Rolle, catedrático de Enxeñería Industrial da Universidade da Coruña e membro do Grupo de Investigación Ciencia e Técnica Cibernética, é o coordinador desta liña de investigación.

Os principais obxectivos do Aqualab son:

  1. Garantir a seguridade das infraestruturas e sistemas relacionados co abastecemento de auga e mellorar a integración destes.
  2. Crear contidos dixitais de calidade relacionados co sistema de auga urbano.
  3. Implantar ferramentas de dixitalización avanzadas que aporten datos que melloren e amplíen a vixiancia sobre o sistema de auga urbano.
  4. Avanzar na dixitalización para desenvolver e implantar unha plataforma integrada de investigación para sistemas urbanos de auga.