Skip to content Skip to footer

O Proxecto ‘Coawa, a comunidade da auga’ promovido pola Cátedra Emalcsa-UDC foi un dos candidatos aos Premios Aproema que se fallaron este martes

O Proxecto Coawa, a comunidade da auga que promove a Cátedra Emalcsa-UDC foi un dos candidatos aos Premios da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (Aproema) que se fallaron este martes en Vigo. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer aos mellores proxectos sostibles desenvolvidos en Galicia.

Coawa, a comunidade da auga presentaba o seu proxecto de divulgación e concienciación sobre a conservación da auga e o seu entorno, unha iniciativa que, este ano, levará a coñecer a contorna do encoro de Cecebre e a conca do río Mero a máis de 15.000 alumnos da Coruña e a súa área metropolitana. Os representantes de Coawa que acudiron a Vigo tiveron a oportunidade de compartir espazo con importantes proxectos medioambientais relacionados coa auga como a iniciativa Mares Circulares de Coca Cola Europacific Partners, premiada na categoría de empresas. O obxectivo deste proxecto é limpar as costas e os fondos mariños, sensibilizar á cidadanía e fomentar a economía circular apoiando solucións e tecnoloxías innovadoras para rematar co lixo marino. Ou coa Corporación Hijos de Rivera, que levou o recoñecemento á excelencia ambiental polo seu liderado na prevención e control do seu impacto ambiental, aspecto moi relacionado coa responsable xestión da súa principal materia prima: a auga.

O resto de premiados nestes galardóns que Aproema concede cada dous anos foron: o Concello de Carballo (categoría entidades públicas), Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (categoría entidades privadas), Franciscanas Ourense (categoría centros académicos) e Insertega Reciclaje Téxtil (accésit na categoría empresas).

Coawa, un proxecto divulgativo e plural no que teñen cabida empresas, institucións e calquera persoa interesada

Coawa, a comunidade da auga naceu hai uns meses a partir da experiencia previa de Emalcsa e co desexo de se converter, a través da creación de comunidade, nun proxecto divulgativo plural no que teñan cabida outras empresas e institucións, así como calquera persoa interesada. Impulsado e desenvolvido agora pola Cátedra Emalcsa-UDC, o seu obxectivo principal é crear unha comunidade na que todos os axentes sociais (centros educativos, entidades, empresas, familias…) participen cunha meta común: coñecer, preservar e optimizar a nosa relación coa auga. Gran parte da actividade desta comunidade diríxese aos centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana.

Coawa pon a disposición dos alumnos dos distintos niveis educativos visitas experiencias como Coñece a ETAP da Telva (onde verán o proceso de purificación da auga que consumen) e Rutas na Natureza (onde poderán coñecer a flora e máis a fauna que habita na contorno do encoro de Cecebre), ademais de programas para desenvolver na aula como A auga non para (concurso de preguntas e respostas sobre o ciclo da auga para 5º e 6º de Primaria, galardoado pola Fundación Botín nos seus Premios á Xestión Sostible da Auga no ano 2021) e Debuxando a Natureza (concurso de debuxo naturalista onde terán que relacionar as especies co seu entorno).