Skip to content Skip to footer

A Cátedra Emalcsa-UDC esboza as súas liñas de investigación e actuacións na conca do Mero-Barcés na IV Xornada Mares Circulares

O mércores 14 de xuño celebrouse no salón de actos da Domus —un ds tres Museos Científicos da Coruña— a IV Xornada Científico Técnica Mares Circulares. O evento contou coa participación activa da Cátedra Emalcsa-UDC, que colaborou, xunto a Coca Cola Europacific Partners, na organización do acto. Na xornada tamén estivo presente Moisés Canle, director da Cátedra, institución que aportou dous relatores.

Durante a xornada presentáronse algunhas das acción que se están a desenvolver no marco do proxecto Mares Circulares posto en marcha en 2018 por Coca Cola co obxectivo de reducir o impacto negativo que ten a actividade humana nas nosas costas e fomentar a economía circular. Neste contexto a Cátedra Emalcsa-UDC aproveitou a xornada para esbozar as súas liñas de investigación e as actuacións que está realizando na conca Mero-Barcés e no encoro de Cecebre, que teñen na protección do medio ambiente e da calidade da auga un dos seis eixos fundamentais, coordinando a investigación e a transferencia no eido dos sistemas de auga urbana —con todas as súas implicacións técnicas, económicas e sociais— para desenvolver unha estratexia de xestión sostible da auga urbana adaptada e diferenciada no contexto de Galicia.

Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, defendeu a importancia da colaboración público-privada no ámbito da xestión de auga urbana. Fíxoo a partir do traballo que están a levar a cabo dúas entidades públicas coruñesas. A primeira é a empresa supramunicipal EDAR Bens S.A., que está a desenvolver un destacado labor na xestión das augas residuais dos concellos da Coruña, Arteixo, Oleiros, Culleredo e Cambre. Para este cometido, así como para realizar outros proxectos no seu ámbito de actuación, adoita contratar servizos doutras empresas, privadas e públicas, con moi bos resultados.

A segunda empresa na que se apoiou para explicar o éxito da colaboración público-privada foi Emalcsa. A empresa municipal de augas coruñesa, sinalou Ricardo Vázquez, contrata a miúdo, empresas privadas para realizar traballos de mantemento, asistencia técnica… Ademais, o departamento de I+D+i de Emalcsa ten colaborados nos últimos anos con 56 empresas no desenvolvemento de 13 proxectos, o que o converte nun claro exemplo de colaboración público-privada.

A colaboración, piar do sistema de traballo da Cátedra Emalcsa-UDC

Ricardo Vázquez rematou o seu relatorio situando a colaboración no centro do sistema de traballo que impera na Cátedra Emalcsa-UDC e considerándoa un piar sobre o que se cimentan as tres liñas de investigación desta: Plan AdO (Agua dende Orixe), Plan ECAD (Excelencia na Calidade da Auga Distribuida) e Aqualab (Mellora Dixital do Sistema Urbano de Augas). Xa como colofón a súa intervención referiuse brevemente ao proxecto Coawa posto en marcha recentemente por Emalcsa, coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e cuxo obxectivo é desenvolver programas formativos e de divulgación sobre auga, persoas e medio ambiente como o concurso de debuxo ‘Vida Silvestre do encoro de Cecebre’ ou o programa educativo ‘A auga non para’.

Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, durante a súa intervención

Trala intervención do director de I+D+i de Emalcsa déronse a coñecer diferentes actuacións centradas na economía circular enmarcadas no proxecto mares circulares. Así, explicaron as súas iniciativas Lucía Vázquez, directora executiva do Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial (Cetim); Eduardo Serrano, director xeral de Tepsa; Carlos Martínez, director e fundador de Ecoballution; Diego Vázquez, cofundador de NewMind; Antonio Castro, director de proxectos da Asociación Chelonia; e Rubén Rodríguez, responsable de proxectos en Galicia da Asociación Vertidos Cero.

O seguinte relatorio tivo como protagonista a Jordi Delgado, catedrático de Enxeñería do Terreo da Universidade da Coruña, membro do Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama) e membro do comité científico técnico da Cátedra Emalcsa-UDC. Delgado comezou o seu relatorio situando a auga como «sustento da saúde e do benestar humano» para destacar deseguido a importancia da conca Mero-Barcés como piar do abastecemento de agua da Coruña e a súa contorna. Subliñou tamén que esta conca é un activo fundamental e orixe de diferentes servizos ecosistémicos (económicos como, por exemplo, servir a auga que situou á cervexa coruñesa Estrella Galicia entre as mellores do mundo; culturais como a ETAP de Cañás, unha xoia do Modernismo e a planta depuradora de auga máis antiga de España en activo, etc.). Por este motivo, continuou, esta conca «debe ter unha especial atención». Nesta liña referiuse ao proxecto que ten a Cátedra Emalcsa-UDC para estudar e protexer a conca do Mero-Barcés, «un espazo sensible e sustento dunha poboación moi significativa» que ronda os 400.000 habitantes. Neste sentido mencionou unha das accións levadas a cabo para coidar a conca: o proxecto Life Fluvial, unha iniciativa que rematou en 2022, na que Emalcsa participou como socio, e que, entre outras cousas, supuxo a eliminación de especies invasoras e a restauración do bosque de ribeira.

Esta visión da Cátedra centrada no coñecemento e a protección da conca Mero-Barcés sustenta unha das liñas de investigación da Cátedra Emalcsa-UDC bautizada como Plan AdO (Auga dende Orixe) e que coordina o propio Delgado, á que se referiu para pechar a súa intervención. «Ten unha vontade se semente e de catalizador de accións», sinalou para explicar logo que este plan céntrase en coñecer a conca e en ter os datos posibles para xestionala ben. «A mellor xestión pasa polo mellor coñecemento», rematou.

La IV Jornada Científico Técnica Mares Circulares finalizou con coloquio no que Verónica Veres (presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesáns), Fabián Ben (responsable de proxectos e innovación da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores) e María Montero (xerente da Fundación Lonxanet), debatieron sobre os problemas que os residuos mariños xeneran nos colectivos que viven do mar e as medidas que están a tomar para combatelos.