Praia fluvial de Portobrea (Queixas, Cerceda) no río Tarrulo, afluente do río Lengüelle
Laura Barral Fraga
Ecóloga acuática. Investigadora do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast), no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC).
Antes de estudar os ríos, vivinos. Lembro con especial ilusión as tardes de verán, de nena, na praia fluvial de Portobrea, en Queixas (Cerceda), cando o río era o lugar ao que ir con amigas e amigos para refrescarse e divertirse. Aínda non sabía nada de ecoloxía acuática ou limnoloxía, pero xa estaba aprendendo algo importante: un río non é simplemente un curso de auga que pasa; os ríos son refuxio, memoria, paisaxe e, sobre todo, biodiversidade e vida.
Este ano, o Día Mundial do Medio Ambiente1 pon o foco no cambio climático e nas sinais que a Terra nos está a enviar. Dende a visión das augas doces, esas sinais son especialmente claras: ríos que perden caudal, solos que reteñen menos humidade, encoros máis vulnerables, proliferacións de cianobacterias e ecosistemas moi sensibles, nos que a calor, a seca e os cambios no réxime de precipitacións provocan rápidos efectos no caudal, na temperatura, na calidade da auga e na vida que sosteñen.
A historia da limnoloxía ten tamén, igual ca min, unha relación estreita coa cidade de Xenebra e sobretodo co seu lago Léman. Alí, a observación científica das augas continentais axudou a fundar esta disciplina científica que hoxe sabemos imprescindible para entender, entre outras cousas, a calidade da auga, os ciclos de nutrientes, a resposta dos ecosistemas acuáticos ao clima e a relación entre as cidades e as masas de auga que as abastecen. Esa idea é perfectamente aplicable a Galicia: a auga que chega a unha cidade depende da tecnoloxía que a trata, pero tamén, previamente, do estado ecolóxico da conca, dos ríos que a alimentan e da capacidade colectiva para coidar o territorio.
O cambio climático non só se observa na atmosfera, nos incendios ou no mar. Tamén se ve nos ríos que perden continuidade, nos encoros que estratifican antes, nas cianobacterias que proliferan coa calor e en territorios húmidos que descobren que non almacenan tanta auga como pensaban. Por iso, cando falamos de cambio climático e auga doce, non deberiamos mirar só ao final do sistema: os encoros, as reservas, as porcentaxes almacenadas. Son esenciais, por suposto, pero un encoro non comeza na presa. Comeza moito antes, na conca, no solo, nos pequenos afluentes e nos ríos que o alimentan.
Neste sentido, debemos ter coidado coa idea de Galicia como refuxio climático. É certo que Galicia adoita pensarse como un territorio húmido e atlántico, cunha meteoroloxía máis benigna ca outros escenarios do Estado español. Pero esa imaxe é incompleta. Se as choivas son menos frecuentes, máis torrenciais ou peor distribuídas, o balance hídrico pode deteriorarse aínda que a precipitación anual media non diminúa de forma lineal.
En Galicia non abonda con preguntarse canto chove ao ano. Hai que preguntarse cando chove, como chove e canto tempo permanece esa auga no territorio. Non necesariamente chove menos en tódolos rexistros, pero si que cambia o patrón: choivas máis concentradas, máis escorrentía cara o mar e menor recarga de mananciais e acuíferos. Ademais, moitas zonas galegas aséntanse sobre rochas duras de materiais graníticos ou metamórficos, con solos que en moitos lugares non teñen gran espesor nin, polo tanto, gran capacidade de almacenamento hídrico. Os acuíferos galegos presentan, en xeral, baixa capacidade de almacenamento e tempos de residencia curtos2. Galicia pode seguir sendo relativamente fresca respecto ao centro ou sur peninsular, pero iso non garante seguridade hídrica.
A isto súmase que Galicia non é un bloque climático homoxéneo. Mentres a fachada atlántica conserva aínda unha imaxe húmida e temperada, o interior, especialmente a provincia de Ourense, mostra con claridade que Galicia tamén contén unha realidade mediterránea: veráns secos e cálidos, vales moi calorosos, estrés hídrico, vexetación adaptada á seca estival e incendios cada vez máis intensos e devastadores. O cambio climático non chegará a Galicia de golpe: xa está entrando polos veráns máis longos, os solos con pouca capacidade de retención, os caudais baixos e a presión sobre ríos que despois alimentan encoros.
Esta mediterraneización da zona atlántica non é só unha intuición contemporánea. Aparece xa como concepto científico en reconstrucións paleoclimáticas recentes do noroeste ibérico3. Estudos baseados en sedimentos lacustres mostran que Galicia se sitúa nunha zona de transición entre influencias atlánticas e mediterráneas, e que esa fronteira oscilou durante os últimos 3000 anos. En fases cálidas e secas, a influencia mediterránea expandiuse cara a zonas hoxe percibidas como atlánticas. Polo tanto, a mediterraneización de Galicia non é unha idea allea ao territorio: forma parte da súa sensibilidade climática histórica e pode axudarnos a interpretar riscos futuros.
En paralelo, investigacións recentes4 publicadas na prestixiosa revista científica Nature Communications sinalan que os veráns europeos se están alongando e que, se as emisións globais de gases de efecto invernadoiro continúan sendo elevadas, Europa podería sumar varias semanas adicionais de verán cara a finais de século. Para os ecosistemas de auga doce, un verán máis longo non é simplemente máis tempo de calor. Significa máis evapotranspiración, maior temperatura da auga, menor caudal, menor capacidade de dilución e máis presión sobre ríos, mananciais e encoros.
Nunha rexión atravesada por milleiros de ríos, esta mirada é especialmente importante. Galicia foi chamada por Otero Pedrayo “o país dos mil ríos”, aínda que en realidade a súa rede fluvial é moito máis extensa. O relevo, as rochas, as fracturas do terreo, a vexetación e os usos humanos condicionan a forma, a forza e a continuidade deses cursos de auga. Tamén condicionan a maneira en que os aproveitamos. Os encoros son infraestruturas fundamentais para o abastecemento e para a seguridade hídrica de moitas poboacións, pero non son alleos ao funcionamento ecolóxico dos ríos5: transforman hábitats, modifican a continuidade fluvial e fan aínda máis necesario entender o sistema completo, desde a cabeceira ata a presa. Falar de encoros no contexto do cambio climático non debería ser só falar de canta auga almacenan, senón tamén de que ríos, solos e concas os sosteñen.
Durante a estiaxe, o menor caudal reduce a capacidade de dilución. O resultado non é só menos auga, senón unha auga potencialmente máis vulnerable: máis cálida, máis cargada de materia orgánica e nutrientes, e máis propensa a desequilibrios ecolóxicos. Nese punto, a cantidade e a calidade da auga deixan de poder pensarse por separado. Ademais, cando chegan choivas intensas despois dun período de seca, a auga pode mobilizar cara os ríos nutrientes e sedimentos acumulados no solo. Ás veces, a primeira choiva forte non pecha o problema da seca, senón que abre outro problema a maiores.
Aquí entra a eutrofización, non como un fenómeno illado, senón como parte do mesmo fío. A eutrofización consiste no enriquecemento excesivo da auga con nutrientes, principalmente nitróxeno e fósforo. Estes nutrientes poden proceder da fertilización, dos xurros, das augas residuais, dos solos erosionados ou da escorrentía. En exceso, alteran o equilibrio ecolóxico, favorecen crecementos masivos de algas e cianobacterias, reducen o osíxeno e deterioran a calidade da auga.
A eutrofización non comeza necesariamente no encoro. Moitas veces comeza antes, na conca e nos ríos. Un estudo de catorce anos no rego Corbeira6, un sistema rural galego cuias augas desembocan no río Mero e finalmente no encoro de Cecebre, mostrou que a hidroloxía controla os fluxos de nitrato e fósforo, e que o caudal é o principal motor do transporte de nutrientes. Isto é fundamental para pensar o abastecemento: a calidade da auga almacenada depende de procesos que suceden augas arriba, moito antes de que a auga chegue á presa.
A miña forma de mirar Galicia está marcada por outras paisaxes de auga doce que fun descubrindo ao longo dos anos. Nos anos que botei vivindo en Girona observei ríos mediterráneos sometidos a seca e intermitencia. Na Dordoña (Francia), analicei como a calor estival e os nutrientes podían favorecer os chamados blooms de cianobacterias en lagoas naturais utilizadas como zonas recreativas de baño. Hoxe, ao pensar en Galicia, esas dúas aprendizaxes funcionan como advertencias. Imos ver de que maneira.
En Girona, traballando nun contexto mediterráneo, aprendín que un río non empeza a estar en problemas cando seca. Empeza antes: cando perde continuidade, cando se fragmenta en pozas, cando aumenta a temperatura da auga, cando cambia a composición do biofilm, cando se altera o seu metabolismo e cando a vida acuática debe adaptarse a unha alternancia cada vez máis extrema entre períodos de seca e episodios de enchente. A literatura científica sobre ríos mediterráneos temporais mostra que a descontinuidade hidrolóxica afecta á distribución das comunidades de biofilm, ás algas, ás cianobacterias e á heteroxeneidade ecolóxica dos cauces7; así como á química da auga, á bioxeoquímica, á biodiversidade e ao funcionamento do ecosistema8.
Esa aprendizaxe é útil para Galicia, pois parte dos procesos que en Girona son evidentes poden axudarnos a interpretar sinais temperás aquí. Un río con menos caudal non é só un río con menos auga. É un ecosistema con menos conectividade, menos capacidade de dilución, máis temperatura, máis estrés biolóxico e menos marxe para amortecer os impactos que chegan desde a conca.
Nos anos que botei traballando na Dordoña e na Xironda, vin outro ángulo do mesmo problema, pero neste caso máis enfocado en lagos e lagoas. No verán, a combinación de altas temperaturas e achegas de nutrientes procedentes de concas rurais podía favorecer proliferacións masivas de cianobacterias e aumentar o risco de produción e liberación de toxinas á auga. Algunhas cianotoxinas poden ser neurotóxicas, hepatotóxicas ou mesmo letais para persoas e animais. Alí o cambio climático deixaba de ser unha abstracción: podía converterse nunha praia fluvial ou lagoa pechada, nunha alerta sanitaria ou nunha recomendación de evitar o baño tras as análises e resultados que saían do noso laboratorio. De feito, a autoridade sanitaria rexional da Dordoña tivo que manter zonas de baño pechadas ou baixo vixilancia pola presenza de cianobacterias e riscos asociados en varias ocasións nos últimos veráns, algo que non moitos anos atrás era un feito pouco habitual e excepcional nesa zona.
Isto tampouco é alleo a Galicia, onde existe una relación social moi forte coa auga doce e os ecosistemas continentais. Aquí tamén temos praias fluviais, termas, zonas de baño continentais e encoros ou contornos de encoro con usos recreativos, dende o baño ata a navegación ou outras actividades náuticas. E xa se teñen rexistrado alertas por cianobacterias en augas de baño continentais en certos encoros e regatos, polo que, a cuestión non é só ecolóxica; é tamén sanitaria e social.
Os ecosistemas acuáticos galegos, e en especial os ríos, forman parte do abastecemento, pero tamén do lecer, da paisaxe e da memoria colectiva. As termas do Miño, as praias e pozas fluviais, os cauces que atravesan aldeas e cidades: todo iso forma parte da nosa relación coa auga doce. Se os ríos se quentan, se diminúe o caudal, se aumenta a concentración de nutrientes ou se as choivas arrastran de golpe o acumulado na conca, non se altera só un indicador ambiental; altérase unha forma de habitar o territorio.
Girona e a Dordoña non son exemplos afastados. Son espellos nos que Galicia pode mirarse antes de que determinados problemas se fagan máis visibles. De Girona podemos aprender que a seca non é só falta de auga, senón un proceso ecolóxico complexo que transforma a continuidade, a temperatura, a química e a vida dos ríos. Da Dordoña podemos aprender a importancia de vixiar, comunicar e actuar antes de que a combinación de calor, augas lentas e nutrientes derive en problemas ambientais e sanitarios. De Ourense e dos estudos paleoclimatolóxicos podemos aprender que Galicia xa contén dentro de si escenarios mediterráneos de calor, seca estival e presión sobre a auga que non convén tratar como excepcións.
Galicia seguirá sendo verde e húmida mentres a choiva sexa relativamente frecuente e ben distribuída. Pero se os veráns se alongan, se as precipitacións se concentran en episodios máis intensos e se os períodos secos duran máis, esa imaxe pode volverse fráxil. Moitos solos galegos non teñen espesor nin capacidade suficiente para gardar a humidade durante longas secas. Por iso, a abundancia de auga non debería medirse só polo que chove nun ano, senón pola capacidade real do territorio para retela, filtrala e devolvela aos ríos ao longo do tempo.
Neste contexto, as brañas, turbeiras e outros humidais galegos teñen un papel moito máis importante do que ás veces lles recoñecemos. Non son terreos improdutivos nin espazos marxinais: funcionan como zonas de almacenamento, filtración e regulación da auga. Son zonas de alto valor ecosistémico porque poden axudar a reter humidade nos períodos secos, reducir a velocidade da escorrentía durante choivas intensas, favorecer a recarga de acuíferos, conservar biodiversidade e almacenar carbono. Nun territorio onde moitos solos son pouco profundos e onde as choivas poden volverse máis irregulares, protexer e recuperar estes ecosistemas é tamén unha forma de adaptación ao cambio climático9,10.
A vantaxe de Galicia é que aínda estamos a tempo de anticiparnos. Neste contexto de mediterraneización, adaptarnos ao cambio climático implica, de novo, mirar máis cara os ecosistemas de auga doce. No caso dos ríos: medir e vixiar caudais, temperatura, osíxeno, nutrientes e comunidades biolóxicas; e concienciarnos da importancia de manter unha ribeira ben conservada para dar sombra, reducir a temperatura da auga, reter sedimentos e nutrientes, frear a escorrentía durante choivas intensas e manter refuxios ecolóxicos nos períodos secos. Pero tamén necesitamos mirar á conca enteira: protexer solos e zonas húmidas, como as brañas; reducir as entradas de nitróxeno e fósforo procedentes da actividade agraria, da escorrentía e das augas residuais; mellorar a depuración nos núcleos rurais e vivendas dispersas; e entender que río e encoro non son sistemas separados, senón partes dun mesmo sistema hidrolóxico.
Anque se diga de Galicia que é o país dos mil ríos, esa abundancia non debería levarnos á confianza, senón á responsabilidade. Neste Día Mundial do Medio Ambiente, falar de cambio climático dende as augas doces é lembrar que os ríos, lagoas, brañas e tódolos ecosistemas doceacuícolas non son só recursos nin paisaxes de fondo: son sensores vivos do territorio. No caso dos ríos, cando cambian o seu caudal, a súa temperatura, a súa cor, a súa biodiversidade ou a súa capacidade de diluír e depurar, están a avisarnos de que algo cambia tamén na conca, no clima e na nosa forma de habitar o territorio.
Se queremos protexer os encoros que abastecen as nosas cidades, así coma os pozos, mananciais e pequenos sistemas de abastecemento das nosas aldeas e vilas, temos que empezar por observar e coidar os ecosistemas acuáticos que os alimentan. Antes de que a auga escasee ou perda calidade nunha reserva, moitas veces xa empezou a cambiar no río, no solo, no bosque de ribeira ou na conca. Escoitar eses sinais a tempo é unha forma de coidar o futuro, pero tamén de preservar eses lugares onde aprendemos, sen sabelo, a apreciar e valorar os nosos ecosistemas de augas doces.
- Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA). (2026). Día Mundial do Medio Ambiente 2026: acción polo clima. Nacións Unidas / World Environment Day. Dispoñible en: https://www.worldenvironmentday.global/es/2026/sobre-el-dia/tema-y-pais-anfitrion-2026
- Alvarez, I., Pereira, H., Lorenzo, M.N. et al.(2024). Drought projections for the NW Iberian Peninsula under climate change. Clim Dyn 62, 4775–4791. https://doi.org/10.1007/s00382-023-07084-z
- Fernández-Pérez, U., Hernández, A., Sáez, A., Carballeira, R., Altrogge, R., Santos, L., Prego, R., Raposeiro, P.M., Bao, R. (2025). Late Holocene climate changes in the Northwest Iberian Peninsula reflect fluctuations in the relative dominance of Atlantic and Mediterranean climate zones. Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology. Volume 674. https://doi.org/10.1016/j.palaeo.2025.113034.
- Martin-Puertas, C., Boyall, L., Hernandez, A. et al.(2025). Consistent response of European summers to the latitudinal temperature gradient over the Holocene. Nat Commun 16, 9969. https://doi.org/10.1038/s41467-025-65804-x
- Galdo, K. (2023). “Galiza: O país dos 10.000 ríos?”. Nós Diario, 5 de marzo de 2023. Dispoñible en: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/Galiza-o-pais-dos-10000-rios/20230303200003163648.html
- Rodríguez-Blanco, M. L., Taboada-Castro, M. M. & Taboada-Castro, M. T. (2023). Nitrate and Phosphorus Transport in a Galician River (NW Iberian Peninsula): Insights From Fourteen Years of Monitoring. Spanish Journal of Soil Science, 13, 11108. https://doi.org/10.3389/sjss.2023.11108
- Witteveen, N. H., Freixa, A. & Sabater, S. (2020). Local and regional environmental factors drive the spatial distribution of phototrophic biofilm assemblages in Mediterranean streams. Hydrobiologia, 847, 2321–2336. https://doi.org/10.1007/s10750-020-04258-2
- Sabater, S., Timoner, X., Borrego, C. & Acuña, V. (2016). Stream Biofilm Responses to Flow Intermittency: From Cells to Ecosystems. Frontiers in Environmental Science, 4, 14. https://doi.org/10.3389/fenvs.2016.00014
- Matos Sobrino, J. M. (2022). Informe: Humidais para a Vida. A Coruña. Ecoloxistas en Acción Galiza. Coordinación: R. Vilela. https://www.ecologistasenaccion.org/wp-content/uploads/2022/07/humidais-para-a-vida_coruna.pdf
- Leira, M. (2023). “Las brañas, vitales para la biodiversidad y la salud de los ecosistemas circundantes”. Cátedra EMALCSA-UDC, 2 de febreiro de 2023. https://www.catedraemalcsa.com/manel-leira-profesor-del-departamento-de-biologia-de-la-universidad-de-a-coruna-explica-con-motivo-del-dia-mundial-de-los-humedales-2023-la-importancia-que-tienen-las-branas-y-la-urgencia-de-prote/
*La Cátedra Emalcsa no se identifica necesariamente con las visiones expuestas por los autores de los artículos que publica. Nuestra intención es ser un medio para la difusión, el diálogo, el debate y el avance en conocimiento.