Skip to content Skip to footer

Máis de 5800 alumnos da Coruña e a súa área metropolitana visitarán A Telva, no marco do proxecto Coawa promovido pola Cátedra Emalcsa-UDC, para coñecer o proceso de potabilización da auga

Este marzo comeza Coñece a ETAP da Telva, programa que se enmarca dentro da oferta formativa que Coawa, a comunidade da auga (proxecto impulsado pola Cátedra Emalcsa-UDC) pon a disposición de escolares da Coruña e a súa área metropolitana. Máis de 5.800 alumnos visitarán a planta para coñecer o proceso de potabilización da auga que consumen.

A través das visitas guiadas á ETAP da Telva e á contorna do río Mero os alumnos da Coruña e a súa área metropolitana poderán coñecer, durante os próximos tres meses, o proceso de potabilización da auga. Ademais poderán gozar das especies de flora e fauna que habitan na contorna do río Mero e que inflúen directamente na calidade da auga da que dispoñemos.

Máis de 5800 alumnos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos participarán neste programa de visitas impulsado pola Cátedra Emalcsa-UDC dentro da súa oferta educativa Coawa, a comunidade da auga.

A visita Coñece a ETAP da Telva componse de dúas fases. Na primeira os alumnos gozan dun roteiro interpretativo pola contorna do Mero dirixido polos nosos colaboradores do Grupo Naturalista Hábitat e na segunda percorren cada unha das fases do proceso que segue a auga até se converter en potable e chegar ás nosas casas.

O obxectivo principal das visitas á ETAP da Telva é que, vendo todo o proceso preciso para converter a auga natural en auga potable, os alumnos tomen conciencia da importancia de ter uns hábitos de consumo responsables. Ademais é unha oportunidade para transmitir algún dos valores esenciais que moven á nosa comunidade: compartir a responsabilidade de coidar a nosa biodiversidade e concienciar sobre a relación entre auga, a contorna e as persoas.