Skip to content Skip to footer

Coawa e Gestagua amosan na Cullerciencia a importancia de coidar o medio natural, os usos da auga para xenerar enerxía, ou un robot para inspeccionar avarías

O sábado 8 de xuño celebrouse no Paseo Marítimo do Burgo a VI Feira de Ciencia Cullerciencia, que organizan o CEIP Ría do Burgo e o Concello de Culleredo e que, con 50 expositores, bateu o seu record de participación.

O programa Coawa promovido pola Cátedra Emalcsa-UDC, e Gestagua, acudiron á feira co propósito de divulgar a importancia de coidar a auga e o medio natural. Deste xeito, na súa tenda compartiron cos visitantes coñecementos e diferentes experimentos relacionados co proceso de potabilización da auga ou os usos da auga para xenerar enerxía. Incluso amosaron un robot para inspeccionar avarías que utiliza Gestagua no concello de Culleredo que levantou unha grande expectación.

Os que pasaron pola tenda Coawa&Gestagua puideron coñecer algúns dos procesos que se empregan para potabilizar a auga como a cloración ou o tratamento biolóxico. Asimesmo tamén tiveron a ocasión de comprobar como a enerxías potencial ou a cinética pódense converter en enerxía hidráulica ou mecánica. Esta transformación explicouse de xeito empírico a través de experimentos que espertaron moito interese entre os asistentes. Foi o caso de funcionamento dunha máquina de vapor, dunha noria hidráulica ou o movemento dun pequeno vehículo que funciona con hidróxeno. Neste sentido tamén se explicou o papel que xoga a auga na xeración de enerxía nuclear.

Na Cullerciencia participaron centros escolares da provincia da Coruña (Culleredo, Oleiros, Cambre, As Pontes, A Coruña, Cerceda, Meis ou Ribeira) e doutras partes de España como As Palmas, Madrid, Murcia ou Sevilla. Ademais acudiron a esta feira numerosas entidades, como o Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial (CETIM) de Culleredo, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) ou a Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña. Tamén o fixeron asociacións como a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, ou o clube de Ciencia do IES David Buján de Cambre XenTD100cia, que organiza a feira de divulgación científica OpenScience que se celebra en setembro.

María José Servia, profesora de Zooloxía da Universidade da Coruña e colaboradora da Cátedra Emalcsa-UDC, tamén participou na Cullerciencia, en concreto nas Charlas de Ciencia, nas que falou aos asistentes sobre as especies invasoras.