Skip to content Skip to footer

A Cátedra Emalcsa-UDC explicará como se purifica a auga ou que é a eutrofización na VI Open Science Cambre que se celebra do 15 ao 17 de setembro

Do 15 ao 17 de setembro celebrase a VI Open Science Cambre, unha feira de divulgación científica na que diferentes centros educativos, museos ou entidades relacionadas coa actividade científica se reúnen para achegar a ciencia á cidadanía. A feira, que se desenvolverá no Parque da Igrexa, no CEIP Wenceslao Fernández Flórez, e no Pavillón Sofía Toro, contará, segundo os organizadores, con 100 casetas e participarán uns 350 nenos e nenas. Así mesmo, presentaránse proxectos de 80 colexios.

A Cátedra Emalcsa-UDC é unha das entidades que colaboran con esta feira que organizan o clube de ciencia XentD100cia do Instituto David Buján de Cambre e o Concello de Cambre. E como nas últimas edicións volverá ter tenda propia. Nela explicará aos visitantes, mediante unha simulación a pequenísima escala, algunha das fases do proceso de purificación da auga que se desenvolve na Estación de Tratamento de Auga Potable da Telva (Cambre), a planta na que se trata a auga para que chegue aos domicilios da Coruña en óptimas condicións. Así, os que se acheguen á tenda da Cátedra poderán coñecer en que consiste o desbaste, a filtración, a decantación, a cloración… e demáis procesos fundamentais para purificar a auga que consumimos.

Ademais, a Cátedra amosará diferentes experimentos relacionados coa auga. Algúns deles teñen o obxectivo de explicar a eutrofización, un fenómeno natural que provoca a morte e descomposición da materia vexetal e o deterioro da auga dos ríos, lagos e encoros a causa do excesivo crecemento de plancton vexetal. Outros céntranse en amosar, de xeito lúdico, as propiedades da auga. Son experimentos como o ‘Corre, pementa’ (que explica en que consiste a tensión superficial dos líquidos) ou ‘O baile das moléculas’ (que demostra que as moléculas dun líquido están sempre en movemento).

A cita comezará este venres, 15 de setembro, e prolongarase ata o domingo, día 17, ofrecendo tres días completos de programación para todos os públicos. As propostas comezarán o venres, ás 21.00 horas, con Ciencia Nocturna, un conxunto de espectáculos que correrán a cargo de Espiciencia, Cía de María, XenTD100cia e David Ballesteros. O sábado, día 16, a feira inaugurarase ao redor das 12.00 horas e desenvolverase ata as 19.00 horas, mentres que o domingo, día 17, a Open estará dispoñible de 10.00 a 14.00 horas. O programa incluirá talleres, presentación de proxectos escolares, postos de divulgación dos colexios participantes. A feira científica concluirá o domingo, ao redor das 13.00 horas, coa entrega dos premios OSC 2023.

Unha das propostas máis novas desta edición será a incorporación de actividades relacionadas coa animación dixital. En concreto, a VI Open Science ofrecerá dous talleres vinculados a este tópico: un taller de animación dixital co gañador do Goya, Xosé Zapata (sábado, ás 17.00 horas, no CEIP Wenceslao Fernández Flórez) e outro coa lead level designer en videoxogos Smalland, Cristina García Aradas, Mapache, (domingo, ás 11.00 horas, tamén no colexio).

Outra das iniciativas máis interesantes da Open consistirá nun relatorio a cargo do responsable de Educación e Divulgación da fundación Margarita Salgas, David Perezagua.

A Open Science Cambre será a terceira feira de divulgación científica na que participará este 2023 a Cátedra Emalcsa-UDC tralo Día da Ciencia na Rúa, que se celebrou na Coruña o 6 de maio; e a Cullerciencia, que tivo lugar no Paseo Martímo do Burgo en xuño.