Con motivo del Día Mundial del Agua, Mar Romero, profesora titular de la Universidade da Coruña (UDC), representante de Igualdade de Xénero y coordinadora del GTIX, comparte con todos nosotros una reflexión sobre la relación entre las mujeres, el agua y la igualdad de género.
Este año, Naciones Unidas propone la temática “Donde fluye el agua, crece la igualdad: la relación vital entre la mujer, el agua y la igualdad de género”.
Más información en el siguiente enlace:
Mar Rodríguez Romero
Profesora Titular de Universidade da UDC, Representante de Igualdade de Xénero, Coordinadora do GTIX (Grupo de Traballo de Igualdade de Xénero da Facultade de Ciencias da Educación)
Como ramificacións humanas de ríos, lagos e mananciais, millóns de mulleres e nenas achegan a auga aos seus fogares e comunidades en todo o planeta. Mentres carrexan caldeiros, limpan, cociñan e regan, a súa existencia transcorre na renuncia dos soños, oportunidades educativas, profesionais e políticas e, con frecuencia, arriscando a propia vida. Este compromiso diario, imprescindíbel para manter a vida, os coidados e a saúde de millóns de seres humanos, non garante a súa presenza na toma de decisións sobre as augas. Ao contrario, cando se trata de decidir sobre a auga son os homes quen teñen a autoridade para falar, ser escoitados e resolver. Asemade, mulleres e rapazas temos tal vínculo biolóxico coa auga a través da menstruación, do embarazo e da lactación, que a satisfacción das nosas necesidades hídricas é unha esixencia non só para asegurarmos a nosa saúde tamén a nosa dignidade. O dereito á auga é instrumental para outros dereitos das mulleres: saúde, integridade física, vida privada, participación política e, de xeito moi claro, dereitos sexuais e reprodutivos. Se unha muller ten recoñecido xuridicamente o dereito á auga, pero non pode acceder na práctica a auga limpa en centros de saúde, escolas ou na súa vivenda, vulnerase tamén a súa capacidade real de vivir embarazos, partos e procesos de saúde reprodutiva en condicións seguras e dignas. O acceso á auga e ao saneamento son dereitos humanos. Onde as mulleres non poden gozar estes dereitos, a súa integridade vese profundamente afectada, limitando as súas oportunidades educativas e económicas, e negándolles o seu pleno papel coma cidadás.
Mulleres e nenas somos vulnerabilizadas pola carencia de auga segura e polos conflitos sociais, políticos e bélicos arredor dela; porén, e como acontece coa guerra e coa defensa da paz e a natureza por parte das mulleres, iso non nos intimida, ao revés, sérvenos de estímulo: somos nosoutras as principais defensoras do dereito á auga e dos ríos, lagos e mananciais como suxeitos de dereitos. O mesmo tempo que somos as principais defensoras da non violencia, da paz[1] e da natureza. Aproveitar este impulso transformador ten moito que ver con acadar unha xustiza climática feminista.[2]
ONU Mulleres e outras axencias calculan que: máis de 1.000 millóns de mulleres, é dicir, máis dunha cuarta parte das mulleres de todo o mundo (27,1%), carecen de acceso a servizos de auga potábel xestionados sen riscos[3]; en dous de cada tres fogares, as mulleres son as principais responsábeis de ir buscar a auga[4]; nos 53 países dos que se dispoñen datos, as mulleres e as nenas dedican 250 millóns de horas ao día á recollida de auga, máis do triplo que os homes e os nenos[5]; e arredor do 14% dos países aínda non dispón de mecanismos que garantan a participación das mulleres en igualdade de condicións na toma de decisións relacionadas coa auga e coa xestión dos recursos hídricos[6].
Este acusado desequilibrio de poder incrementa a vulnerabilidade de mulleres e nenas no acceso á auga como dereito humano, mantén as relacións de explotación patriarcal que caracterizan a provisión e o abastecemento hídricos e afonda na crise mundial da auga ao manter á marxe das decisións a parte da humanidade máis directamente comprometida coa sustentabilidade da vida. Expoñer e paliar este desaxuste estrutural é o obxectivo da campaña de 2026 arredor do Día Mundial da Auga (22 de marzo), auspiciada por UNICEF e ONU Mulleres máis un equipo de tarefas composto por máis de 30 integrantes e asociadas de ONU-Auga. Co seu lema “Onde flúe a auga, medra a igualdade”[7] pretende poñer o foco na auga potábel e o saneamento como dereitos humanos e elementos chave para a igualdade de xénero e ten por obxectivo promover o desenvolvemento de políticas encamiñadas á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sustentábel 6 (ODS 6) —“garantir a dispoñibilidade e a xestión sustentábel da auga e do saneamento para todas as persoas”— e do ODS 5 —“acadaren a igualdade de xénero e empoderar todas as mulleres e nenas”. Tres mensaxes chave articulan a campaña: as mulleres e as nenas deben ocupar un lugar central nas solucións relacionadas coas cuestións hídricas; a solución á crise da auga esixe aplicar unha perspectiva transformadora baseada nos dereitos, para recoñecer plenamente as voces, o liderado e a capacidade de acción das mulleres; e facer da auga unha forza impulsora dun futuro máis saudábel, máis próspero e cunha maior igualdade de xénero que beneficie a todo o mundo.
Apoiando encarecidamente esta campaña, consideramos que o abordaxe dos problemas de fondo e das contradicións estruturais relacionadas coa auga e a igualdade de xénero ten que ir un paso máis aló. Os ODS baséanse nunha premisa errónea ao manteren a aspiración perniciosa de enlazar sustentabilidade ambiental e crecemento económico. Nun planeta de recursos finitos é, cando menos, unha neglixencia ignorar que a persecución de beneficios e prosperidade económica inevitablemente impulsa o cambio climático e acrecenta as desigualdades locais e globais de todo tipo, afondando na produción de inxustizas medioambientais e socioeconómicas que teñen as mulleres e as nenas na súa diana. Tampouco se pode ignorar que, ás portas de 2030, a contención do cambio climático é a gran perdedora, cun capitalismo crecido virado cara o necrocapitalismo, que fai negocio coa escalada xenocida e bélica e que esporea o rearme, cego ante as irreversibles consecuencias eco-sociais. A propia auga é un instrumento ao servizo de intereses militaristas[8], como sucede impunemente en Cisxordania[9], no xenocidio en curso en Gaza[10] e en Sudán[11] e no asedio medieval a Cuba. O caos bélico está a cebarse na poboación civil devastando infraestruturas de subministro e tratamento das augas ou simplemente cortando a electricidade que permite o seu funcionamento. Aínda máis, queda por ver como o desastre enerxético e ecolóxico que está a producir a guerra ilegal de Estados Unidos de América e Israel contra Irán[12] incidirá no acceso a recursos esenciais para a vida, entre eles a auga. A auga é prisioneira de intereses comerciais, como sucede coa explotación de acuíferos, o desvío de cursos de auga, a construción de encoros en todo o mundo. Instrumentalizada como arma ou como negocio, a súa utilización a prol da igualdade de xénero faise moito máis desafiante, posto que as mulleres e as nenas adoitamos estar no lado oposto do espolio, como coidadoras e defensoras da auga.
En termos de eficacia ecolóxica, hai datos que indican que, cando as mulleres participan na xestión da auga, os proxectos son máis sustentábeis, inclusivos e resilientes ao clima. Cando as mulleres lideran na xestión do auga, fomentan a innovación mediante solucións partilladas para o subministro, a transmisión de coñecementos, a resolución non violenta de conflitos, a concienciación e a educación comunitaria para as vindeiras xeracións. Aseguran así a sustentabilidade dos recursos e un acceso xusto para todas. O seu liderado soe dirixirse cara os acordos e o ben común, co obxectivo de atopar respostas que favorezan á comunidade enteira. Porén, os sistemas de gobernanza non avanzan ao ritmo necesario para impulsar a igualdade de xénero nos procesos oficiais e informais de decisións hídricas[13]. Os beneficios asociados á participación das mulleres no exercicio do poder non só parten deste tipo de evidencias. Tamén están apoiados en sólidos marcos analíticos que poñen de manifesto a base estrutural do desequilibrio de poder que predestina as mulleres como recolledoras de auga e provedoras de coidados e que outorga aos homes autoridade sobre a auga e sobre o goberno da vida e da morte. Como mostra Amaia Pérez Orozco[14], o conflito capital-vida e os seus correlatos —capital-tempo, capital-corpo e territorio— deixan claro que hai un cruce de opresións estruturais entre patriarcado, capitalismo, colonialismo e especismo que cerna a posibilidade de inclusión significativa das mulleres nas políticas hídricas locais e mundiais.
A auga é o ben máis vulnerábel e prezado para a vida. O ciclo da auga é un ben natural universal cuxa protección require da participación de toda a humanidade. Mulleres e nenas non podemos ser meras pezas nun sistema que se evidencia inxusto, extractivista e violento. Máis aínda, aumentar a presenza das mulleres e das nenas como parte dun sistema socioeconómico directamente responsábel do cambio climático e da escalada bélica en curso non basta para producir o relevo sistémico que precisamos. Ao explorarmos as inxustizas hídricas, cómpre sinalar que non só hai un desequilibrio patriarcal: hai un desequilibrio xeopolítico e un desequilibrio de acceso a recursos e enerxía, alentado polo capitalismo verde, o capitalismo bélico e o tecnofeudalismo como fontes de novas opresións ambientais, coloniais e patriarcais. Só unha inclusión cualitativamente diferente de mulleres e nenas podería encamiñarnos cara á procura de solucións xenuinamente transformadoras.
Por iso mesmo cumpre cuestionar a concepción androcéntrica e patriarcal do dereito a auga como un dereito individual e circunscrito so o humano. A auga flúe a través de todas nós. Como sinala Astrida Neimanis todas somos “corpos de auga”[15]: corpos acuosos que temos que reconsiderar a nosa corporeidade dun xeito fluído, entrelazado coa natureza tamén acuosa coma parte de nos e ampliar esa porosidade cara todas as mulleres e nenas. Dicir que «todos e todas somos corpos de auga» é lembrar que, como corpos humanos, estamos feitos fundamentalmente de auga. Polo tanto, hai unha relación recíproca e material coa nosa contorna acuosa: confórmanos e conformámola. O que lle pasa á auga nun territorio transcende eses corpos e ese territorio unindo outros corpos noutros territorios e o resto dos seres que danlles vida. A interdependencia de accións e resistencias debería formar parte da concepción da auga como forza cara a igualdade de xénero.
As inxustizas hídricas atinxen tamén as mulleres e nenas no Norte global: a privatización da auga, a contaminación, a minaría, as secas e as inundacións, os centros de datos como acaparadores de auga[16], a auga no rural. Ao mesmo tempo, mulleres e nenas no Norte global somos responsábeis de como se extrae e contamina a auga no Sur global a través do consumo desproporcionado, dos investimentos e dos acordos comerciais vinculados á agroindustria, á moda rápida, á minaría, á enerxía, etc. Non podemos salvagardar o acceso á auga nos nosos territorios, se contribuímos a converter a auga do Sur global en ensumo barato do Norte global. Non podemos ser parte da contorna acuosa dun xeito fragmentado e inxusto, o ambiente fluído non admite muros nin tolera discriminacións. Como corpos de auga interdependentes temos responsabilidades compartidas, pero diferenciadas, produto dos nosos privilexios hídricos.
O liderado de mulleres indíxenas como gardiás de ecosistemas hídricos debería ser unha fonte de aprendizaxe para todas nós polo seu papel histórico na defensa de ríos, zonas húmidas e acuíferos e contra os intereses extractivistas de corporacións sen escrúpulos que, amparadas por gobernos ultraconservadores, converten as súas vidas en infernos a través do acoso, das ameazas e, en demasiadas ocasións, mediante desaparicións e asasinatos. Precisamente veñen de cumprirse dez anos do asasinato dunha delas, Berta Cáceres[17], que pagou coa súa vida a ousadía de defender o seu río da depredación mercantilista. Esta dedicación e estes sacrificios non aseguran a presenza das mulleres nativas no deseño de políticas hídricas. Ao contrario, raramente se conta con elas, porque as súas propostas chocan coa lóxica colonialista, mercantilista e extractivista da maioría das intervencións hídricas en territorios ancestrais.
Estudos do PNUD, da ONU e de redes como GWP insisten desde hai décadas en que as mulleres deben ser recoñecidas como eixo central do abastecemento, da xestión e da protección da auga, pero esta recomendación raramente se traduce en poder real[18]. Hai experiencias comunitarias onde, após incluír mulleres nos comités de auga, melloran a repartición do recurso, a calidade e a sustentabilidade do servizo. Algunhas investigacións sinalan que as mulleres tenden a repartir a auga de maneira máis equitativa, especialmente en tempos de escaseza. Análises recentes coinciden en denunciar o reto da falta de representación feminina na planificación e na infraestrutura hídrica[19].
Procedente do ecofeminismo, o concepto de hidrofeminismo sirve para buscar converxencias arredor das resistencias á mercantilización da auga e apelar á sororidade feminista na promoción de experiencias de xestión comunitaria da auga cunha visión á vez local, planetaria e non especista. Visibilizar a interdependencia vital entre todos os fluxos da auga en calquera lugar da Terra encaixa co lema feminista “se tocan a unha respondemos todas”. Ao ligar corpo-auga-territorio denúnciase o nexo entre toda clase de violencias hídricas tanto nos corpos das mulleres como nos seus territorios e en todos os seres que os configuran. Ao tempo tamén se aplica unha lente planetaria para recoñecer a característica fluída dun líquido vital que nos compón como corpos de auga que entrelázanse formando parte dun planeta de auga. Esta interdependencia vital é tamén fonte de liberación e de resistencias fronte á mercantilización violenta de todo o vivo, incluída a auga, como denuncia Rita Segato ao falar da guerra contra as mulleres e das pedagoxías da crueldade como protagonistas da nova orde mundial. A auga concíbese como espazo corpo-xeo-localizado onde o persoal se cruza co político e co ecosocial: menstruación, embarazos e partos sen auga segura, enfermidades; mesturase coas violencias nas rutas de recollida, migracións climáticas, encoros, desvío de ríos, desecamento e contaminación de acuíferos, minaría, maltrato animal, perdida de biodiversidade e dano medioambiental. O hidrofeminismo subliña a escala corporal, local e global da defensa da auga nos corpos, nos territorios e nos seus tempos de vida e denuncia que o despoxo da auga é tamén o espolio dos corpos, dos territorios e da natureza[20]. O dereito á auga non pode concibirse como ben individual, sino dende unha ética relacional que recoñece a nosa vulnerabilidade compartida á contaminación, á explotación extractivista, á destrución mercantilista e belicosa de habitats e especies. A ética relacional enlaza coa reciprocidade profunda como forma de ser e estar no mundo fronte o extractivismo multidimensional. Segundo Leanne Betasamosake Simpson[21], a reciprocidade supón unha transformación radical nas nosas formas de vivir, baseada nun intercambio equilibrado entre humanos e o mundo non humano. Cando a ecoloxía planetaria ofrécenos auga, alimentos e aire, en reciprocidade cumpre restituír ao cosmos o que tomamos, coidando de reproducir a vida. O extractivismo sen devolución segue unha lóxica destrutiva, mentres que extraer tendo responsabilidade de restitución reflicte unha cosmovisión transformadora, allea ás lóxicas de opresión da civilización occidental.
A auga en todas as súas formas e en todas as súas localizacións non pode ser tratada como mercadoría, senón salvagardada como ben natural constitutivo de toda a humanidade e da natureza no seu conxunto. O capitalismo salvaxe e belicista lexitima a privatización da auga ao concibila como activo e non como dereito relacional. Democratizar as decisións sobre a auga e considerala como parte de nos e da natureza que nos conforma e que conformamos relacionase co concepto de hidrocomún[22]. Entender ríos, acuíferos, redes de abastecemento xunto cos saberes comunitarios e ancestrais relativos á auga como “comúns” require procedementos e institucións democráticas e comunitarias para o seu coidado colectivo, cunha presenza de mulleres e nenas que faga posíbel converter as súas voces en decisións de salvagarda da auga como parte de nos. O hidrocomún é un concepto chave da acción climática hidrofeminista, que pode aplicarse a través das políticas de restauración de ecosistemas hídricos, de planificación territorial ecofeminista, de orzamentos participativos con perspectiva de xénero en auga e saneamento. Falar de hidrocomún permitiría enlazar loitas urbanas contra a privatización da auga en cidades con loitas rurais e indíxenas contra megaproxectos extractivistas. Incluíndo esta diversidade de xeolocalizacións e entendendo a responsabilidade política, ecosocial e cívica que portamos todos os seres humanos coa natureza acuosa, as mulleres poñemos os nosos corpos para defender a auga como parte de nos e da natureza común que configuramos de xeito interdependente, non como mercadoría nin como arma.
Esta corrente de xustiza democrática hidrofeminista é a que nos gustaría que fluíse, a través da campaña da ONU, cara a cada recuncho do planeta para producir utopías hídricas factíbeis que, pouco a pouco, puidesen substituír a nosa malograda civilización. Mulleres e nenas en toda a Terra non só actuando como extensións humanas de ríos, lagos e mananciais, senón como portadoras e executoras dos dereitos da auga como fonte de vida e de coidados. “O auga é o sangue da Terra”, invocan a voz de Berta Cáceres e as sabedorías indíxenas que ela encarnou na defensa do río Gualcarque[23]. Lonxe desas augas e preto de nos, no río Ulla a cidadanía fixo que a vida triunfara fronte o extractivismo. Neste entrecruzamento entre augas, mulleres, nenas e territorios resoa unha resistencia global de sororidade feminista que é representada cunha forza expresiva ancestral no retrato de Berta Cáceres partillando auga co río Ulla. Viki Rivadulla, a súa autora, corpo acuoso e defensora das augas, hónranos compartindo este retrato de entrelazamento ecofeminista que agardamos sirva de inspiración para todas nos, como seres das augas e para quen queira aliarse connosco.
Título de la obra «Berta Cáceres sobrevoa os bosques da Ulloa e fala co río» 2025 Autoría: Viki Rivadulla
[1] Rodríguez-Romero, Mar, Teasley, Cathry, Cotelo-Guerra, Mª Dolores, & Arza Arza, Neves. (2026). Femigenocide in the Gaza Strip and counter-pedagogies of cruelty: Academic mobilization and educational interruption against symbolic scholasticide. Review of Education, Pedagogy, and Cultural Studies, 1–14. https://doi.org/10.1080/10714413.2025.2612648
[2] UN Women. Feminist climate justice: A framework for action. Nova York: UN Women, novembro 2023. https://www.unwomen.org/en/digital-library/publications/2023/11/feminist-climate-justice-a-framework-for-action.
[3] UN Women & United Nations Department of Economic and Social Affairs. (2023). Progress on the Sustainable Development Goals: The gender snapshot 2023.
[4] World Health Organization e UNICEF, Progress on Household Drinking Water, Sanitation and Hygiene 2000–2022: Special Focus on Gender (Ginebra: World Health Organization; Nova York: UNICEF, 2023), https://www.unwater.org/publications/who/unicef-joint-monitoring-program-update-report-2023
[5] UN Women e United Nations Department of Economic and Social Affairs. El progreso en el cumplimiento de los Objetivos de Desarrollo Sostenible: Panorama de género 2024. Nova York: UN Women, 2024.
[6] UN Women, Policy Brief: Mainstreaming Gender Equality in Water Resources Management (Nova York: UN Women, 2025), https://www.unwomen.org/sites/default/files/2025-03/policy-brief-mainstreaming-gender-equality-in-water-resources-management-en.pdf.
[7] UN-Water. Hoja informativa Día Mundial do Auga 2026. 2026. https://www.unwater.org/sites/default/files/2026-01/WWD2026_Factsheet_Spanish.pdf.
[8] Grech-Madin, Charlotte. (2025). Murky waters of war: Toward a clearer conceptualization of water as a weapon. Environment and Security, 3(4), 457-481.
[9] Sobre o que se coñece como apartheid hídrico pode consultarse: Amnistía Internacional. “Rasheed Khudeiri: ‘Roban la tierra y el agua por la fuerza’. Activista de Cisjordania habla sobre la lucha del pueblo palestino para permanecer en su tierra.” Amnistía Internacional, 18 de diciembre de 2025. https://www.amnesty.org/en/latest/campaigns/2025/12/rasheed-khudeiri-they-steal-the-land-the-water-by-force-west-bank-activist-on-palestinians-struggle-to-remain-on-their-land/#:~:text=Encroachment%20of%20settler%20outposts,when%20even%20animals%20are%20targeted
[10] Oxfam, Water War Crimes: How Israel Has Weaponised Water in Its Military Campaign in Gaza (Oxford: Oxfam, 2026), https://policy-practice.oxfam.org/resources/water-war-crimes-how-israel-has-weaponised-water-in-its-military-campaign-in-ga-6216/download. E tamén: Fayad M. Barrington DJ, Zaqout M.(2025) The political economy of water and sanitation in Palestine’s Gaza Strip: A scoping review. PLOS Water 4(12): e0000418. ttps://doi.org/10.1371/journal.pwat.0000418
[11] Geneva Academy of International Humanitarian Law and Human Rights. 2025. Weaponizing Water and Humanitarian Collapse in Sudan: An International Humanitarian Law Assessment. IHL in Focus Spot Report. Geneva: Geneva Academy of International Humanitarian Law and Human Rights.
[12] Varoufakis, Yanis, 19 de marzo de 2026. Irán y la izquierda. SinPermiso. https://ctxt.es/es/20260301/Firmas/52641/yanis-varoufakis-izquierda-iran-mujeres-bombardeo-ayatolas-joemeini-eeuu-irak.htm.
[13] Unión Internacional para la Conservación de la Naturaleza (UICN). «El agua y las mujeres.» Blog. 28 de agosto de 2023. https://iucn.org/es/blog/202308/el-agua-y-las-mujeres.
[14] Pérez Orozco, Amaia. Subversión feminista de la economía: Aportes para un debate sobre el conflicto capital-vida. Madrid: Traficantes de Sueños, 2014.
[15] Neimanis, Astrida e Blackmore, Lisa. «Aprender con el agua.» Pedagogías líquidas, Centro Rural de Arte, 28 de abril de 2024. https://laescuela.art/es/campus/library/journal/aprender-con-el-agua-astrida-neimanis
[16] Tu nube seca mi río. https://tunubesecamirio.com/
[17] Economistas sin Fronteras, «En el 10º aniversario del asesinato de Berta Cáceres exigimos justicia para Berta,» 4 de marzo de 2026, https://ecosfron.org/en-el-10o-aniversario-del-asesinato-de-berta-caceres-exigimos-justicia-para-berta/
[18] Grant, Melita. La igualdad de género y la inclusión en la gestión de los recursos hídricos: Documento de acción. Estocolmo: Asociación Mundial para el Agua (GWP), agosto de 2017. https://www.gwp.org/globalassets/global/about-gwp/publications/gender/gender-action-piece-spanish.pdf.
[19] Álvarez Román, Blanca María e Martín Muñoz, Esther. «8 de marzo: Enfrentando la asignatura pendiente de la desigualdad de género en el acceso al agua.» iAgua, 8 de marzo de 2023. https://www.iagua.es/noticias/redaccion-iagua/8-marzo-enfrentando-asignatura-pendiente-desigualdad-genero-acceso-al-agua
[20] Neimanis, Astrida. «Alongside the right to water, a posthumanist feminist imaginary.» Journal of Human Rights and the Environment 5, no. 1 (marzo 2014): 5–24. https://doi.org/10.4337/jhre.2014.01.01
[21] Simpson, Leanne Betasamosake. As We Have Always Done: Indigenous Freedom Through Radical Resistance. Minneapolis: University of Minnesota Press, 2017.
[22] Aguilar Torrico, Tatiana Lena. Las mujeres en gestión del agua y la toma de decisiones: teoría y práctica de la prospectiva ecofeminista. Revista de Estudios Políticos y Estratégicos. 10, 2. 2022.
[23] Amnistía Internacional, «Berta Cáceres: ‘Me lo dijo el río’,» blog, 19 de novembro de 2025, https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/blog/historia/articulo/berta-caceres-me-lo-dijo-el-rio/
*La Cátedra Emalcsa no se identifica necesariamente con las visiones expuestas por los autores de los artículos que publica. Nuestra intención es ser un medio para la difusión, el diálogo, el debate y el avance en conocimiento.